Inclúe reforzo nos equipos de emerxencias e dispositivos especiais de seguridade os días con máis afluencia de xente.

 

 

O tenente de alcalde, Diego Lourenzo, e a concelleira da área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago, presentaron na casa consistorial o Plan de Autoprotección para o Entroido 2016.

Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños como os visitantes poidan desfrutar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2016.

Devandito plan, que se realiza por cuarto ano consecutivo, reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.

 

Medidas

O plan contempla medidas como o reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia; dispositivos especiais de seguridade o Xoves de Comadres, nos desfiles (infantil, domingo e martes) e, por primeira vez, o Sábado de Entroido; información ao público cun tríptico, un libro e carteis informativos na Praza García Barbón coas vías de evacuación;  e un plan de mobilidade co que se intenta animar a que se reduza a utilización do vehículo privado e veciños e visitantes accedan ó centro da vila a pé.

Por outro lado, informarase ás principais empresas de transporte de mercadorías que, dende o día 4 ata o 9 de febreiro (ambos inclusive), os vehículos de máis de 3.5 toneladas teñen a súa disposición unha ruta alternativa que funcionará coma unha circunvalación que conecte a parte norte, este e sur da vila para evitar o seu paso polo centro de Verín.