A festa rematará o 14 de febreiro co Domingo de Piñata.

 

Tralo Xoves de Comadres, un dos días grandes do Entroido de Verín, chegan agora a datas centrais dos festexos. Este 5 de xaneiro, Venres de Compadre o “Capuchón” e a “Mascarita” serán os protagonista, a partir das 19 horas.

O Sábado de Entroido será o momento do bautizo do Cigarrón, a partir das 17 horas na Praza da Mercé; e o domingo, o día grande do entroido en Verín, será o turno do desfile de comparsas e carrozas a partir das 12.

O luns 8 de febreiro, os máis cativos serán os reis do carnaval. A partir de las 16:30 horas, terá lugar o tradicional entroido infantil con obradoiros, xogos e karaoke no Pavillón Municipal de Deportes. E xa o Martes de Entroido, afrontaremos a recta final co derradeiro desfile de máscaras e disfraces a partir das 16:30 horas.

Todos estes días de festa numerosas charangas e orquestras amenizarán o Entroido en Verín, que porá o seu punto e final co Domingo de Piñata (14 de febreiro), no que haberá unha gran comida popular para os participantes nos desfiles.

Novidades
Como novidade, este ano instaláronse colectores de lixo e sanitarios portátiles ecolóxicos (entre os que se inclúe un para persoas con mobilidade reducida) en puntos estratéxicos das zonas de maior afluencia de xente.

Tamén se presentou a nova web oficial do Entroido de Verín que substitúe á que tiña o Concello desde o ano 2001. “O que buscamos con esta páxina temática é, a parte de crear un espazo moito máis visual e intuitivo, ofrecer ao internauta toda a información que necesita saber sobre o Entroido de Verín”, explicou Vicente Rodríguez, un dos responsables do desenvolvemento da web.