Entrevista ao cantautor ourensán Yomelo Montosolo.

“A música de cantautor é un coñazo”

Por Óscar Blanco.

Pode que o nome de Daniel Gude non sexa moi coñecido, pero se dicimos que é o alter ego de Yomelo Montosolo, a máis dun apareceralle na cara un sorriso. E é que Dani Gude é o Peter Parker da canción coñera, o Bruce Wayne dos cantautores locais. E Yomelo Montosolo é o Spiderman da broma e o Batman da xolda. Quixemos coñecelo un pouco máis así que nos achegamos e dixémoslle: “Yomelo, temos que falar”.

Como empezaches no mundo da canción?
Yomelo Montosolo: “Buf! Fai mogollón. Con 17 anos comprei a miña primeira guitarra e empecei a darlle. Nun principio foi para aprender cancións e pasalo ben tocando, logo montei un grupo co meu irmán e os meus amigos de toda a vida. Chamábase “Os Punkracios”, faciamos punk e estivemos cinco anos tocando xuntos. Xa no ano 2000 fun vivir a Vigo e aí empecei como Yomelo Montosolo”.

Por que o sobrenome de Yomelo Montosolo? Como xorde?
Y.M.: “Nun dos últimos ensaios coa banda, ante a falta de seriedade que imperaba saíume así, de súpeto: “De agora en diante eu móntomo só!” Fíxome graza e escollino como nome artístico.
E é que realmente o que ves é o que hai, son un tío só cunha guitarra, non engano a ninguén, o nome o di todo no meu caso”.

Se non estamos equivocados, levas máis de 15 anos no escenario. Como te ves dentro doutros 15?
Y.M.: “Véxome moi vintage dentro de 15 anos. Como che comentaba empecei no 2000 como Yomelo e este ano cumpre os seus 16 anos de vida. Pásoo xenial facendo de Yomelo así que gustaríame alongalo uns aniños máis pero non me vexo tocando dentro de tanto tempo. Si que seguirei sempre tocando, pero cara o público non me vexo”.

Cambiou moito o Yomelo inicial do actual?
Y.M.: “Unha chea! Non mo tomaba moi en serio ao principio e as cancións eran menos curradas que agora. Cada vez viña máis xente aos concertos así que supoño que fun evolucionando cara ao humor nas letras e os refráns, facelos máis facilmente coreables para que os concertos de Yomelo fosen divertidos de principio a fin. Desde hai uns anos estou moi contento de como saen os shows, a xente pásao de marabilla e eu tamén”.

Es o autor de éxitos como “La chica de Pull and Bear”, “Tenemos que hablar”, “Cómeme todo”,… de onde sae a inspiración?
Y.M.: “Realmente as miñas letras son historias moi normais, a quen non lle dixeron algunha vez “temos que falar”, por exemplo. O que fago é esaxerar as situacións e meter moita ironía e humor, así a xente identifícase con elas e failles moita máis graza”.

Que teñen en común Daniel Gude e Yomelo Montosolo?
Y.M.: “Somos a mesma persoa pero moi diferentes en moitas cousas. Temos pouca vergoña os dous, iso seguro”.

E que os diferencia?
Y.M.: “Sempre digo que Yomelo é a miña parte máis divertida, saca o mellor de min, iso por descontado. Na vida real non son tan divertido, son bastante máis soso que Yomelo que é todo diversión e enerxía”.

É Ourense unha cidade sinxela para iniciarse como cantautor?
Y.M.: “Depende ao que aspires. Eu realmente empecei en Vigo a tocar e en Ourense foi moitos anos despois. Xa a xente me coñecía polos vídeos de YouTube, etc. No meu caso non me queixo, tenme ido mellor do que esperaba desde os comezos.

A música de cantautor é un coñazo e é complicado ser cantautor en calquera cidade, os cantautores deprimen bastante, Yomelo é todo o contrario a un cantautor polas letras divertidas e por poder cantar os refráns e iso á xente gústalle”.

Que lles dirías a aqueles que queren empezar neste mundo?
Y.M.: “Que é duro e moitas veces tes que lidiar con situacións desagradables, pero cando a xente sabe as túas cancións, vén verte, canta, ou te anima para que sigas adiante iso compénsao todo e anímate para seguir neste mundo”.

Algún soño que desexes cumprir como artista?
Y.M.: “Sinceiramente ningún. Como Yomelo Montosolo cumprín de sobra todas as expectativas que me marcara nos comezos. Que a xente siga vindo verme e sigámolo pasando xenial, con iso confórmome”.

Con quen farías un dueto ou algunha colaboración musical?
Y.M.: “Con Fran Perea, encantaríame, pero soamente para ver se é tan malo como parece en realidade”.

E con quen nunca te animarías a interpretar unha canción?
Y.M.: “Con Miguel Bosé, por exemplo”.

En que estás a traballar agora? Hai novo disco á vista?
Y.M.: “No vídeo de “Anita Dinamita”, temazo do meu último traballo “As modernas non teñen corazón”, gravado en Vigo por Eladio Santos. Gustaríame sacar un novo traballo con Eladio, pero soamente coas cancións máis coñecidas e graciosas. A ver se o materializamos este ano”.

Deixa unha última mensaxe aos lectores dos Periódico Barrios.
Y.M.: “Que veñan verme! A desconectar dos problemas da vida cotiá cantando e rindo. É unha terapia xenial para case todo”.