En San Salvador de Penedos aproveitan as cualidades terapéuticas deste animal tan vinculado ao mundo rural.

“O burro ten un carácter sociable, cariñoso, curioso, é un animal moi intelixente”

Elsa Pérez é psicóloga clínica e unha das dúas persoas que traballa a tempo completo na asociación ANDREA.

Que é ANDREA?
Elsa Pérez: “ANDREA son as siglas de Asociación Nacional para a Defensa, Recuperación e Estudo Terapéutico da Especie Asnal.  ANDREA ten tres liñas de intervención,  que son o centro de acollida de burros maltratados e abandonados, o centro de terapia para persoas con discapacidade e o programa de dinamización do rural”.

Como acabades en Allariz?
E.P.: “En 2006 entrou en contacto connosco o Concello de Allariz porque tiña unha aldea deshabitada (San Salvador de Penedos), e estaban a buscar un proxecto para dinamizala; nós estabamos a buscar unha nova sede porque o concello onde estabamos non tiña interese nos nosos proxectos. Ensináronnos a aldea, e pareceunos que reunía os requisitos para desenvolver a actividade. A raíz de vir aquí rehabilitáronse dúas construcións, conseguíuse unha subvención de Agader e o Concello fixo o empedrado, a iluminación, rehabilitáronse algunhas palleiras, como a de elaboración de xabón de leite de burra e dous apartamentos, que son municipais pero están cedidas á asociación”.

Que servizos ofrecedes?
E.P.: “Temos unha parte máis terapéutica, para persoas con necesidades especiais (autismo, alzhéimer…), tanto a nivel individual como de grupo, tanto a nivel puntual como residencial. E logo temos unha parte máis de lecer, de gozar da compañía dos animais e aproveitar a súa capacidade terapéutica.
Visítannos asociacións de persoas con discapacidade, residencias, centros de terceira idade, e na parte máis formativa visítannos masters, universidades… ”

Cantos burros tedes agora?
E.P.: “Agora mesmo temos 17, non é unha cantidade excesiva pero a filosofía da asociación non foi nunca ser un santuario de burros; o que tentamos é  ter unha manda fixa coa que traballamos a nivel terapéutico e nas visitas de lecer. Acollemos aos animais que aparecen abandonados ou maltratados en colaboración co concello onde aparecen que é o responsable dos animais. Temos moita demanda de animais con dono, persoas que non poden seguir coidando os seus animais e buscámoslles unha familia de adopción”.

De feito vides de lanzar unha campaña de adopcións.
E.P.: “Si, efectivamente, porque había moitas chamadas de persoas que envellecen, porque as persoas que teñen agora mesmo os burros no rural son xente maior e non poden seguir coidando aos animais. Para que vos fagades unha idea no ano 2005 cando empezou a asociación tiñamos unha listaxe enorme de burros buscándolle un lugar de adopción e a día de hoxe temos como 50 persoas de toda Galicia esperando por adoptar un burro, a situación cambiou bastante, cada vez hai menos burros, e está a cambiar de ser un animal de traballo a ser de compañía”.

Que características teñen, pois, os burros, para ser parte dunha terapia?
E.P.: “A terapia asistida con animais aínda que aquí parece algo moi novo leva moitísimo tempo noutros países como Alemaña, Francia e Inglaterra.
Por que o burro? O burro está xa aquí e perdeu o seu uso; como calquera animal que ten satisfeito as súas necesidades (están en manda, en semi liberdade, teñen moito espazo e moito tempo libre…) son animais que colaboran, que non están tensos, utilizamos este potencial.

O burro ten un carácter sociable, cariñoso, curioso, é un animal moi intelixente aínda que ten unha fama desastrosa pola ignorancia humana. O seu cerebro está deseñado doutra forma que o noso, as súas reaccións, toda a súa forma de comportarse é diferente á nosa. Dise que é cabezota, é que o seu tempo de reacción é máis longo que o noso, cando lle obrigas a reaccionar dunha forma máis rápida bloquéase.

O burro é un animal que nos permite a equitación terapéutica, o traballo pé a terra, é un animal que esperta unha sensación de agarimo, danche ganas de achegarte, todo iso fai que nos sirva como mediador terapéutico. Despois de moitos anos de traballo, vemos que as terapias son eficaces, non é unha vara máxica como ningunha terapia pero si que complementa outras terapias, e os usuarios que veñen están contentos cos beneficios obtidos”.

Que tal vos vai o proxecto de xabóns de leite de burra?
E.P.: “Moi ben. Os beneficios que se sacan son para apoiar o labor da asociación, non é un proxecto empresarial. É unha produción moi elaborada, de moita calidade, pequena, pero a nós sérvenos para manter a actividade da asociación”.

Tedes algunha outra iniciativa nova co Concello?
E.P.: “Tentamos entre ambas as entidades seguir dinamizando a aldea. Un dos proxectos máis novos foi o tema do sendeirismo con burros, estáselle dando bastante publicidade porque a verdade é unha delicia e ademais esta zona é Reserva da Biosfera e hai moito sendeirismo, hai unha ruta moi bonita, por que non aproveitala cos burros?”

Canta xente vive agora en  San Salvador de Penedos?
E.P.: “Agora mesmo só vivimos as persoas da asociación. Na asociación traballando a tempo completo somos dúas persoas, logo temos unha persoa que nos axuda a tempo parcial e logo temos colaboradores voluntarios para diferentes actividades”.

E impartides formación.
E.P.:“A asociación é pioneira en facer formación en terapia asistida con asnos. Non significa que nós formemos terapeutas pois para poder aplicar un programa de terapia asistida con asnos tes que ser ou psicólogo, ou psiquiatra ou se queres traballar na parte máis física, psicoterapeuta ou psicomotricista. Pero hai outras ocupacións como educadores, monitores de tempo libre, asistentes sociais, terapeutas ocupacionais, ás que lles facilitamos unha ferramenta para que poidan traballar nun programa cun grupo de profesionais, non para que eles dirixan unha terapia senón que complementen os seus traballos”.

Hai máis colectivos como o voso en Galicia?
E.P.: “Que nós coñezamos non. Agora é unha época moi difícil porque ao ter menos recursos as asociacións de persoas con discapacidade contratan menos programas fóra e entón é moi complicado. A asociación sempre buscou a sustentabilidade pero é moi difícil”.

Accededes a algunha liña de subvencións?
E.P.: “Desde fai catro anos recibimos unha subvención da Deputación de Ourense para apoiar os programas de terapia. Salvo esta subvención a verdade é que non contamos con outras”.

Despois dunha década en Allariz, que tal a experiencia?
E.P.: “Cando tivemos problemas no concello de Pontevedra no que estabamos a idea foi irnos a Francia, onde tiñamos unha oferta de traballo para dirixir un centro. Nese momento chamáronnos desde Allariz dicíndonos o proxecto que tiñan e os compañeiros galegos foron os primeiros que dixeron antes de irnos a Francia imos pasar por Allariz porque é un concello que está a apoiar o desenvolvemento rural e o desenvolvemento de proxectos sociais e ambientais, e ao ver a aldea e os recursos que ten decidimos quedarnos. A verdade é que estamos contentos do apoio desde o Concello”.