Quere favorecer o camiño a pé ao colexio.

O Concello de Allariz crea cinco rutas escolares

O Concello de Allariz, xunto coa Dirección Xeral de Tráfico e a Policía Local de Allariz,  presentou o programa «Allariz no camiño», un proxecto de adecuación ao tránsito peonil de cinco percorridos urbanos ao Colexio Padre Feijóo de Allariz.

O programa alaricano plantexa a intervención no trazado de varias rutas para mellorar o uso seguro e accesible coa finalidade de que os escolares as empreguen diariamente no seu percorrido ao colexio. Está enmarcado na iniciativa da “Serpe papa-leguas” inscrito no plan europeo de camiños escolares e que ten por obxecto posibilitar e fomentar os percorridos peonís dos nenos e nenas cara as súas escolas,

O Camiño Escolar desenvolvido polo Concello de Allariz comporase de cinco rutas, diferenciadas por cores, que confluirán na Praza do Couto, último tramo do camiño escolar.En todos os cruces de rúas e viais e zonas conflictivas siturase o logotipo do Camiño (Don Pé) que indicará a ruta a seguir e durante o traxecto haberá elementos identificativos así como sinalización adecuada e presenza, en caso necesario, de membros da policía municipal.

Segundo explicaba o director do Colexio Padre Feijóo, Javier Fernández, os obxectivos do programa céntranse no aumento da autonomía infantil así como reducir o número de vehículos que transportan nenos e nenas ao colexio fomentando así o coidade do medio ambiente e a convivencia, favorecendo que os menores acudan ao colexio en compañía de amigos e compañeiros.

Obras a acometer

O Concello de Allariz implícase neste proxecto primordial para a educación das crianzas, e para iso acometerá obras nas diferentes rutas escolares. Na Estrada de Xunqueira, a brigada repintará os actuais pasos a nivel, ampliará a beirarrúa que conduce ao colexio, reubicará o actual mobiliario urbano e pavimentará o tramo de estrada que vai dende a rúa Manuel María ata a Barreira ( zona de desvío ao Convento) eliminando todas as barreiras arquitectónicas existentes e integrándose, así, no casco histórico de Allariz. Instalarase, ademais, nova sinalización advertindo da zona escolar e fixando a velocidade máxima permitida.

A zona da Barreira , no tramo que vai dende a praza do Couto ata a Estrada de Xunqueira, recibirá o mesmo trato que o tramo anterior e ademais procederase á reorganización das actuais illas de contedores do lixo para que non repercutan no percorrido escolar. Procederase, tamén, á peonización da praza do Couto e rúa Pepe Puga coa colocación de sinais verticais restrinxindo o acceso de vehículos a estas zonas.

Os cinco percorridos estarán sinalizados co logotipo de Don Pé que irá pintado na cor correspondente a cada ruta.