Esgotadas as entradas para a actuación do vionilista Ara Malikian no Auditorio.

A Concellería de Cultura de Ourense informa da oferta cultural da semana.

A compañía galega Ibuprofeno Teatro representará a súa última producción “Raclette”, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, o xoves, 7 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio. A raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela, a medida que comían, queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que conviven e se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza e a violencia. As entradas están á venda en Ataquilla.com, ou no propio Audirorio, e na sede de Afundación, na praza Maior.

O xoves, ás 20:30 horas, nova cita co ciclo “Enclave de cámara”, coa actuación do Cuarteto Carducci, no Teatro Principal.  Con sede no Reino Unido, o Cuarteto Carducci está recoñecido hoxe en día como un dos cuartetos de corda de máis éxito, ofrecendo uns noventa concertos ao ano por todo o mundo. Entradas desde 5 euros.

As actividades culturais da semana continuarán o venres, 7, ás 18:00 horas, no Auditorio, co espectáculo de Uxía e Magín Blanco “Canta o cuco, 2016, ano Manuel María”. Obra para todos os públicos, que fai alusión ao canto do paxaro como símbolo de confianza no futuro, vínculo de compromiso e espertar a enerxía da natureza e a terra. Unha visión contemporánea dos versos de Manuel María.

O Auditorio acollerá o sábado, 8, ás 18:00 horas, “As andanzas de Paio”. Unha espectacular proposta musical a cargo do grupo vigués Oviravai. Acompaña a Paio, un teixugo moi divertido, na súa viaxe arredor do mundo e das músicas dos distintos países que irá visitando. Rock, funki, reagge….todo un mollo de músicas nunha proposta tamén teatral a cargo de catro músicos que non paran quietos nin un segundo. Unha hora de música divertida para coñecer as estacións, para saber como se canta polo mundo adiante, para baixar aos océanos da man de tiburóns simpáticos

Entradas esgotadas para Malikian

Tamén o sábado, ás 21:00 horas, será o turno do xenial violinista Ara Malikian, nun concerto para o que xa se esgotaron as localidades. O espectáculo pretende achegar a música clásica a todos os públicos. O repertorio está formado tanto por obras tradicionais como por adaptacións para orquestra que veñen do amplo repertorio  da música popular do século XX.

Xa o domingo, nova cita co teatro infantil, ás 12:00 horas, co espectáculo “Guela, Guela”, para cativos desde 2 anos de idade. Desde sempre, a misión das cegoñas foi a de levar os bebés acabados de nacer aos brazos dos seus papás, voando sempre en grupos ou bandadas. Para iso, foron dotadas duns picos longos e fortes, unhas ás grandes e poderosas e unha forma de voar elegante e firme que lles fai poder percorrer grandes distancias ata chegar aos seus destinos.

Exposicións no Museo Municipal

Os espazos expositivos da cidade tamén incorporarán unha nova proposta: a mostra de ebanistería “Na veta”, realizada pola Escola Antonio Faílde de Ourense, que se poderá visitar no Museo Municipal desde o día 7 de abril ao 1 de maio. Neste espazo expositivo continuará tamén a exposición “Momentos sen tempo”, de Antonio Souto, que prolongará a súa presenza ata o día 8 de maio.