Jesús Vázquez Abad lidera a única candidatura que concorre á presidencia do comité executivo local.

O congreso local do PP reúne 300 compromisarios para elixir ao seu novo presidente

O auditorio do Conservatorio de Música de Ourense acollerá este sábado, día 16, o congreso local do Partido Popular de Ourense, no que participarán 300 compromisarios para elixir o novo presidente do comité executivo local, cargo ao que concorre unha única candidatura liderada por Jesús Vázquez Abad.

Os compromisarios, con maioría de representación do distrito centro dos nove nos que se divide a xunta local, están convocados ás nove da mañá para o trámite de acreditación. Unha hora despois procederase á constitución da mesa do congreso, presidida por Manuel Cabezas, quen estará acompañado por Daniel Barata como vicepresidente, Eugenia Díaz Abella como secretaria e María Antonia Rilo e Roberto Bermúdez como vocais.

A orde do día da asemblea inclúe a continuación a lectura de senllos relatorios. O primeiro deles, “Avanzando coas persoas”, será defendido por Celso Delgado Arce, mentres que o segundo, “Comprometidos con Ourense”, correrá a cargo de Milagros Sierra Gómez. A secretaria local, Belén Iglesias Cortés, falará a continuación para dar conta do informe de xestión.

A seguinte intervención corresponderá a Jesús Vázquez Abad para presentar ante o plenario a súa candidatura, momento previo á votación.

Unha vez coñecido o resultado, o candidato electo volverá dirixirse aos compromisarios, dando inicio así á clausúra do congreso, no que tamén intervirá Alfonso Rueda, secretario xeral do Partido Popular de Galicia, e pechará o presidente provincial do PP ourensán, Manuel Baltar.