Quérese dar a coñecer ao grande público competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual.

La Molinera inaugura unhas xornadas para a mellora do dominio da tecnoloxía na busca de emprego

La Molinera continúa co seu carácter de apertura aos cidadáns coa inauguración da xornada ‘Faladoiros dixitais ao redor do Big Data’, un foro para poñer a disposición do grande público o coñecemento e o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). O obxectivo é o de “crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara a búsqueda de emprego”, aseguraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación.

O encontro é o primeiro da segunda edición da campaña de divulgación e difusión «1 mes, 1 profesión dixital”, froito da colaboración entre o Concello e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organizadores desta xornada.

A través dos expertos que participan no foro quérese dar a coñecer ao grande público competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual. A directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que “a rápida evolución tecnolóxica destes anos xerou a demanda de habilidades e competencias dixitais en todos os sectores e, por iso, é fundamental tanto fomentar vocacións tecnolóxicas como ofrecer á cidadanía ferramentas para a capacitación dixital”, dixo.

Na presentación participou tamén o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez,  quen destacou o labor de divulgación e o carácter inclusivo das actividades que organiza o Colexio, sempre disposto a colaborar con outras administracións.

Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data (datos masivos). Os relatores exporán as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.