Con este libro pecha a súa triloxía de poemas.

“Abandonar a poesía sería  como quitarme a pel”

Xa está acá o libro “La sonrisa que te debo” de Luis Ahijado Gómez. “El baúl del eterno reproche”, “Isósceles” e este último -do que falamos co autor- compoñen a súa triloxía de poemas. Do inferno ao ceo, do pesimismo ao positivismo en tres poemarios.

Pechas o círculo con “La sonrisa que te debo”. Contento co resultado?
Luis Ahijado: “Si. Tiña pensado que a evolución fose como foi. O primeiro libro era adolescente, pesimista, tremendista, ata chegar a este que é unha especie de canto, de oda á vida. En plan positivo, halagando á muller constantemente. Vendo as relacións persoais desde un prisma positivo. Totalmente distinto ao primeiro libro.
Rematou xusto como quería. Este proxecto está totalmente rematado. Gustoume como foi a evolución e incluso poeticamente na obra. Os que o lean daranse conta que este está máis pulido. Deixeime ir. Non está adaptado pola métrica; sentinme máis cómodo a pesar de que a temática non era a máis cómoda para min. Canto máis negativo sexa o contido mellor me sinto. Isto fixo que fora un reto escribir desde unha parte positiva”.

Querías cumprir o obxectivo de rematar a triloxía nun momento preciso. Costouche cumprilo?
L.A.: “O primeiro era recopilatorio da adolescencia polo que xa tiña bastante material; o segundo era realista e xurdiu dun xeito natural, non tiven que buscar a temática. Neste si que tiven que procurar eu a materia. Saiume vivir no mundo de arco iris e de cor.
Visto por unha persoa que non me coñece dirá que ten unha carga de positivismo brutal; pero coñecéndome como persoa, escribir isto foi un reto. Dos tres libros é do que máis orgulloso estou, porque adoptei unha actitude, fixen coma se fora un actor que se ten que poñer a máscara do positivismo”.

A quen lle debías o sorriso?
L.A.: “A parte da xente que me rodea, á que lle debo moitísimo este empurrón de optimismo que se reflexa no libro, e a min mesmo. É o libro que máis me arroupou, dinme un abrazo a min mesmo. É un autosorriso, e tamén é un sorriso á xente que coñeco e que me axudou cando non pasei polo meu mellor momento”.

Con que se vai a atopar o lector?
L.A.: “Cun conxunto de poemas moi vitalistas. Penso que lidos en momentos delicados verán poemas que mostran unha esperanza, unha fe de superar barreiras. Espero que a xente reciba o positivismo que transmito nel”.

Pechas a etapa poética con este libro?
L.A.: “Non. Abandonar a poesía sería como quitarme a pel. Non podo deixar de pensar en rimas e sigo escribindo poesía; xa teño cousas pensadas e ideas ás que lle teño que buscar o camiño.
Estoume deixando chamar polas musas, deixándome aconsellar veñan de onde veñan. Que me susurren versos ou ideas para libros en prosa”.

Que tes en mente?
L.A.: “Comecei a escribir un libro en prosa que pensei que era o seguinte proxecto pero non o teño claro de todo. Quero ir pouco a pouco e sen marcarme datas. Dubido moito porque coñecéndome como me coñezo doulle mil voltas ás cousas e nunca estou satisfeito ao completo; é algo que non podo evitar.
Por outra banda tiña pensado outros proxectos, como un de poesía erótica; xa que me dei conta de que os poemas que escribo teñen connotacións eróticas das que non podo fuxir e ás que recurro. E tamén quero facer poesía para nenos, para o que xa teño algo escrito. Quizais vexa máis preto volver a escribir en verso que en prosa”.

Contén, como no segundo, ilustracións.
L.A.:”Si, como no segundo libro contén ilustracións coa miña colaboradora habitual, Raquel Sáenz, que fixo os debuxos sen coñecer os textos, explicándolle o que eu quería”.

Non che gusta deixar nada ao azar.
L.A.: “Si, que todo se rixa por un patrón. A triloxía contén un número capicúa: o primeiro libro contén 45 poemas, o segundo 60 e este 45. Ademais, no segundo libro todos os poemas comezan por vogal; 12 pola A, 12 pola E,… E neste quixen rizalo rizo e fixen un poema oculto que se descifra collendo a primeira palabra do título de cada poema”.

A partir de agora estaremos atentos á promoción do seu libro que se poderá comprar, ao prezo de 12 euros, na libraría Amorín (barrio da Ponte), e proximamente online.