O Concello establece nel mecanismos de control para evitar novos casos como o de Linorsa.

A Xunta de Goberno local deste xoves aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de limpeza de centros educativos, coa correspondente aprobación das cláusulas administrativas e técnicas.

O Concello de Ourense prevé destinar a este servizo un total de 1,7 millóns de euros en tres anualidades, repartidas en 354.635 euros en 2016, 886.588 euros en 2017 e 531.953 euros en 2018.

“Con esta aprobación do prego, avanzamos na apertura do procedemento de adxudicación deste servizo, mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria. É dicir: fixamos o camiño para desbloquear unha das múltiples contratas municipais coas que nos atopamos en precario, máxime neste caso que supón un problema para o plantel da actual concesionaria, en concurso de acredores. Ademais, establecerase un control: o servizo será por horas, cremos que unha forma de mellorar eses módulos, endurecendo así os mecanismos de control”, dixo o alcalde, Jesús Vázquez, durante a rolda de prensa trala Xunta de Goberno, quen matizou tamén que o prezo de licitación increméntase nun 4,5% con respecto á anterior contrata.

Situación das traballadoras de Linorsa

As traballadoras da actual adxudicataria do servizo de limpeza de colexios, Linorsa, aceptaron autorizar ao Concello de Ourense o pago das facturas de marzo e abril para poder cobrar así o salario dos últimos 30 días antes da declaración do concurso de acredores, como marca a lei concursal.

Con respecto á prestación do servizo, a empresa descartou tanto ceder voluntariamente o contrato como rescindilo unilateralmente.