Preguntado pola tardanza en presentarse o proxecto de estación intermodal de Ourense, o alcalde afirmou que "é Fomento quen ten que dar esa explicación".

A empresa PROYFE, S.L., adxudicataria do contrato de redacción do proxecto construtivo da nova estación de autobuses de Ourense, integrada na terminal de ferrocarril e polo tanto, intermodal, comezou os traballos topográficos  sobre o terreo para avanzar no seu cometido.

A redacción do proxecto construtivo  supón un investimento de máis de 103.500 euros e conta cun prazo de execución de seis meses, inclúe os traballos de levantamento topográfico; xeotecnia; e as redaccións dos proxectos básico e de execución.

Olevantamento topográfico completará o xa realizado nos estudos previos. O seu alcance será o necesario para poder estimar a idoneidade das solucións construtivas que se decidan, tanto a nivel de proxecto básico como a nivel de proxecto de execución.

Estas tarefas incluirán o levantamento das edificacións, construcións e instalacións de calquera índole como: postes, cables aéreos, arquetas e pozos de rexistro, entre outros, que estean presentes no ámbito da actuación ou que poidan verse afectados pola mesma en calquera das súas fases.

Estes traballos definirán o deseño óptimo para a estación intermodal co fin de facilitar aos cidadáns un intercambio áxil e eficiente entre os distintos modos de transporte.

O proxecto de intermodal para Ourense supón achegar a estación de autobuses a unha ubicación máis céntrica e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte. As actuacións integrais no eido da intermodalidade inclúen a adaptación de andéns e de conexión entre barrios por parte do Adif.

A nova estación de autobuses situaríase xunto á estación ferroviaria. A Xunta estima que a nova terminal de autobuses deberá contar con 19 dársenas. Ademais, construirase un edificio terminal duns 430 metros cadrados e a superficie total chegará a 5.800 metros cadrados. Tanto a terminal como as dársenas se construirían ao nivel da rúa.

Proxecto da estación do AVE

Preguntado o alcalde de Ourense polo proxecto de estación intermodal que o Ministerio Fomento prometera presentar antes de rematar abril, Jesús Vázquez apuntou que «é Fomento quen ten que dar esa explicación, non me corresponde a min». En todo caso, o rexedor defendeu que se está a traballar no proxecto entre as tres administracións implicadas (Ministerio, Xunta e Concello): «hai moitísimas reunións, hai unha comunicación  fluída con ambas administracións, a última reunión foi fai dúas semanas en Madrid».

A este respecto, o grupo municipal de Democracia Ourensana pedirá mediante unha moción de urxencia no pleno deste venres a dimisión de Jesús Vázquez, «por incumplir su palabra y compromisos, cuando ante las críticas, él mismo situó el mes de abril 2016 como fecha límite para presentar los compromisos de infraestructuras con la llegada del AVE».