Vázquez Barquero acusa a Jesús Vázquez de “mudar a funcionalidade do novo PXOM, os seus sinais de identidade e o seu contido”, polo tanto non está garantido o apoio dos socialistas á proposta do PP.

O PSOE acusa ao alcalde de pretender realizar un “cambiazo” no PXOM

Na rolda de prensa ofrecida este luns polo voceiro do Grupo Municipal Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, na que deu resposta ás últimas declaracións ofrecidas polo alcalde de Ourense nas que dicía que “o PSOE debe aprobar o Plan de Urbanismo pois o proxecto é seu, non tocamos nada”; o socialista denunciou que  Jesús Vázque “pretende derivar a responsabilidade da aprobación do PXOM aos socialistas, esquecendo que dende a aprobación inicial do proxecto de Novo Plan mudou o contexto político, a funcionalidade do plan e mudaron tamén os seus sinais de identidade e o seu contido, é dicir, que o PP pretende levar adiante un novo cambiazo. Asemade, quen ten agora a responsabilidade de levar a pleno novamente a súa aprobación e de acadar consensos é o PP”.

Barquero engadiu que “mudaron os sinais de identidade do plan xa que o PP cambiou o inicialmente aprobado en pleno. A peza mestra e epicentro do novo urbanismo do proxecto de PXOM aprobado era a integración do AVE e a intermodalidade da Estación da Ponte, que quedaron relegadas pola renuncia do PP de levalas adiante, e xa non temos o mesmo proxecto integrado de Estación Intermodal, coa Xunta actuando por libre no desenvolvemento do seu proxecto para a estación de buses e sen que Fomento, ADIF e Renfe teñan proxecto a día de hoxe.”

Para o voceiro socialista hai que destacar tamén que “o plan de mobilidade para a cidade, peza complementaria do novo urbanismo, queda totalmente dinamitado”. Polo que asegura “este xa non é o noso Plan de Urbanismo, polo tanto non está garantido o noso apoio á proposta do Goberno”.