Degustación de productos tradicionais así como promoción doutros novos serán os principais atractivos da xornada que terá lugar este sábado 28 de maio.

O Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez a través do portal web compraencelanova.com súmanse á campaña internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos “Quere o teu mercado”.  Desta forma ámbalas dúas entidades pretenden destacar o papel da Praza de Abastos da vila como peza fundamental do comercio tradicional.

Det al xeito, este sábado 28 de maio, en horario de 10:30 a 13:30 e con motivo da celebración do Día do Mercado en Galicia, a Praza de Abastos de Celanova acollerá diferentes actividades de promoción. Ademais das tradicionais degustacións dos produtos elaborados nos propios postos do Mercado, os antigos alumnos da especiaidade de repostería e confeitaría do obradoiro de emprego “Terras de Rosendo” realizarán promoción, degustación e venta dos produtos elaborados durante o seu período formativo. Todas aquelas persoas que se achegen ata o Mercado poderán degustar e adquirir a “Bica Trísquel”, o “Xadrez de San Rosendo en bombón de chocolate” e outros produtos vencellados á antiga tradición chocolateira e reposteira de Celanova.

Os obxectivos que se perseguen coa posta en marcha desta campaña son: resaltar os valores da compra local, a promoción dos produtos de proximidade e poñer en valor a calidade e profesionalidade das nosas praceiras.

Pola súa proximidade, a Praza de Abastos de Celanova pode volver xogar un valioso papel dinamizador e revitalizador do centro urbano onde se asenta e facilita a compra de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos.

Mercar nela é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada e ademais foméntase o consumo de produtos galegos.