A Ribeira Sacra estrea un novo centro BTT

Alfonso Rueda destacou o novo Centro de Bicicleta Todo Terreo da Ribeira Sacra como unha aposta polo desenvolvemento turístico sostible e respectuoso co medio, axuda a desestacionalizar os fluxos turísticos e ofrece a oportunidade de coñecer un territorio mediante a práctica da bicicleta todo terreo.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaron este novo centro, situado en Luíntra, que xa está á disposición de todos os usuarios. Trátase do cuarto da Rede BTT Galicia, xunto ao Centro do Salnés, o de Portas de Galicia e o da Serra do Xurés.

O centro dispón de dous puntos de acollida no Pavillón polideportivo de Luíntra en Nogueira de Ramuín e no Albergue A Fábrica da Luz en Parada de Sil, espazos que ofrecen servizos de información ao usuario, aluguer de bicicletas e cascos, punto de lavado de bicicletas, vestiarios, duchas e no caso do albergue aloxamento.

Este novo centro dá servizo aos municipios de Nogueira de Ramuín e Parada de Sil con cinco percorridos circulares e adaptados a todos os niveis para atravesar 110 quilómetros dende a beira do río Sil ata o cumio da serra de Cabeza da Meda.

Durante a visita realizada hoxe, o vicepresidente participou nun destes percorridos e coñeceu tamén o punto de acollida de Parada de Sil.

Aposta polo turismo sostible

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pola súa banda, subliñou que a práctica do turismo de montaña incentiva o contacto coa natureza, primeira motivación pola que os turistas e viaxeiros elixen Galicia. O feito de contar Galicia cun circuíto deseñado especificamente para o uso da bicicleta de montaña é froito da firme aposta do Goberno galego polo turismo sostible.

Segundo destacou a directora de Turismo de Galicia, “o medio natural constitúe na actualidade un gran atractivo turístico para a nosa comunidade e por iso temos o compromiso de traballar na protección, conservación e posta en valor deste recurso para evitar que perda a súa esencia”.