A medida aprobouse con seis votos a favor, incluído o do presidente, e dúas abstencións.

O Consello Regulador da DO Valdeorras inicia unha investigación sobre a filtración de información

O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, reunido na sede do organismo en Vilamartín de Valdeorras, aprobou por seis votos a favor e dúas abstencións iniciar unha investigación sobre a filtración a medios de información sensible para o organismo. En concreto, investigarase a filtración dun informe redactado pola Entidad Nacional de Acreditación (ENAC) a un medio de comunicación.

O presidente do Consello Regulador, Francisco García, valora “a liberdade informativa e é plenamente consciente de que a confidencialidade das fontes de información dos xornalistas constitúe unha das pedras angulares para a articulación dunha prensa libre”. Porén, amósase contrario a filtracións interesadas que poden danar os intereses xerais do organismo e ós dos bodegueiros e viticultores aos que ampara. Por iso avoga por iniciar unha investigación sobre este asunto e, neste sentido, emitiu un voto favorable neste punto da orde do día.