O fallo a favor do Concello foi dado a coñecer na xunta de goberno local celebrada este xoves.

O Concello de Ourense recibiu este xoves, na xunta de goberno local, dúas boas noticias en forma de senllas sentenzas favorables cun impacto positivo de dous millóns de euros para as arcas municipais. “Por unha banda, unha sentenza do TSXG que rexeita unha reclamación de 1,6 millóns de euros por danos presuntamente ocasionados pola anulación do Plan de Urbanismo”, anunciaba o alcalde de Ourense en rolda de prensa, “e por outra banda, un auto que pecha o procedemento seguido polo Concello fronte á empresa Acciona por incumprimentos no contrato de mantemento de zonas verdes”. A  indemnización que fixa o xuíz favorable ao Concello é de 446.000 euros.

No tocante á primeira sentenza, o xulgado aceptou todos os argumentos esgrimidos pola avogacía municipal e di que non procede indemnización algunha. “É de salientar que é a primeira vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza calca os argumentos do Concello de Ourense”, dixo o rexedor. “Eran terreos situados en Casardomato, que constituían no Plan de 2003 un sector de solo urbanizable; non se chegaron a urbanizar durante a vixencia do Plan e, logo da súa anulación, volveron ter a cualificación de solo rústico”, explicaba. O particular reclamaba 1,6 millóns de euros en concepto de danos ocasionados. Esta é a cuarta sentenza favorable ao Concello na que se desestiman reclamacións de responsabilidade pola anulación do PXOM.

Na mesma liña, o Xulgado Contencioso-administrativo número 2 ditou un auto referido á sanción imposta á empresa Acciona por incumprimentos no contrato de mantemento de zonas verdes. Na resolución, o Xulgado fixa definitivamente en 446.000 euros a indemnización que Acciona terá que abonarlle ao Concello.

 

Medio Ambiente: Hortos municipais

Entre os diversos asuntos da xunta de goberno incluíuse a aprobación das bases para regular as autorizacións do uso dos 71 hortos municipais, tanto os de Mariñamansa, á beira do río Barbañica, coma os que están dentro do recinto do parque Botánico de Montealegre. A filosofía é a de facilitar a intervención dos cidadáns no desenvolvemento sostible, favorendo a integración e a coexistencia das culturas propias do campo e a cidade. Foméntanse accións que repercuten no benestar das persoas, mediante a ocupación do lecer, a mellora na sanidade alimentaria e a protección do medio ambiente. Son 46 hortos en Montealegre e 18 en Mariñamansa en réxime xeral, máis 5 en Montealegre e 2 en Mariñamansa destinados a persoas con mobilidade reducida.