Coincidindo coa feira tradicional, este domingo 12 de xuño.

Vilar de Santos estrea mercado de artesanía e produto local

Vilar de Santos celebra este domingo o seu primeiro mercado de artesanía e produto local, organizado pola Arca da Noe e o forno Faragullas coa colaboración do Concello. Son 32 postos os que estarán instalados durante todo o día nas rúas do casco vello de Vilar de Santos.  A maioría procedentes da propia comarca da Limia.

Explicaba o alcalde, Xan Jardón, que o Concello de Vilar de Santos sempre apostou “por valorizar os recursos locais e facer labor de dinamización”, de aí o apoio a este mercado, que compartirá xornada coa feira tradicional do municipio, recuperada en 2014, e que estará instalada na praza do Concello.

Noemí Vázquez, da Arca da Noe,  detallou o programa. O mercado dará comezo a mediodía coa instalación dos postos nas rúas do Pasadizo, do Forno e da Senra. “Conseguimos bastantes postos de alimentación ecolóxica e de artesanía”, relataba Carmen Quintas, de Faragullas. Haberá tamén unha experta en masaxe tailandés realizando demostracións gratuítas.

A partir das 13 horas haberá concerto da banda de música de Trasmiras, e instalaranse postos de comida. Ás 15 horas comezará unha foliada e os máis pequenos tamén terán actividade: unha xinkana ás 17 horas a cargo dunha ludoteca de Xinzo. Unha sesión de ioga por parte dun colectivo de Cartelle ás 18 horas e o concerto de Habelas Hainas ás 20 horas completan o programa.

“No rural hai futuro e hai moita vida e isto ten que valernos como un escaparate”, resaltaba o rexedor, quen augura a continuidade deste mercado.