A conselleira Ángeles Vázquez visitou, acompañada polo alcalde, Jesús Vázquez, varias rúas do concello que serán renovadas con cargo ao orzamento de Medio Rural.

300.000 euros para o arranxo de camiños rurais de Ourense

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou o concello de Ourense para coñecer de primeira man o proxecto de arranxo e posta en valor de diferentes camiños rurais do municipio con cargo aos orzamentos do seu departamento. En concreto, ao longo deste ano investiranse preto de 300.000 euros en diferentes rúas da localidade co fin de mellorar os accesos aos veciños e, polo tanto, contribuír ao obxectivo transversal da Xunta de Galicia de fixar poboación nos núcleos non urbanos.

Durante a súa visita, Ángeles Vázquez estivo acompaña pola delegada provincial, Marisol Díaz, e polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, que agradeceu a contribución do Goberno galego co seu concello e máis en concreto, coas áreas rurais para aumentar a calidade de vida dos seus habitantes. De feito, os tres reuníronse cos veciños das zonas nas que se vai a actuar co fin de presentarlles o proxecto e recoller as súas suxestións.

Pola súa banda, a titular de Medio Rural sinalou que se trata da “mellora de catro zonas co obxectivo de que a xente poida vivir no rural cos mesmos servizos que nas cidades, boas comunicacións, saneamento e seguridade”, xa que estas obras, ademais, permitirán facilitar o acceso aos servizos de incendios.

En concreto, o proxecto da Consellería do Medio Rural inclúe actuacións na rúa amizade (cun importe de 60.000 euros), no camiño que une A Burata con Vilariño (38.500 euros), na rúa do Espeto (59.800 euros) e na estrada de fechos a Santa Cruz de Arrabaldo (60.000 euros). En total, falamos de 218.300 euros enmarcados no Plan de Emerxencias 2016. Ángeles Vázquez indicou que tanto proxectos como a dispoñibilidade dos terreos xa están aprobados co fin de iniciar as obras este verán.

A estas actuacións habería que sumar tamén os investimentos previstos dentro do Plan Marco de camiños, a través do cal se achegarán outros 63.949 euros a este municipio. Unha parte, 35.869 euros, irá destinada a un proxecto de renovación en Seixalbo, mentres que outros 28.080 euros permitirán a reforma do camiño de Beiro de Abaixo a Regoalde.