Os socialistas instan ao Concello e a Xunta de Galicia a que se fagan cargo “urxentemente da situación”.

O PSOE denuncia a falta de mantemento do CEIP Emilia Pardo Bazán de Leiro

A deputada socialista, Noela Blanco, presentou unha pregunta por escrito ao Goberno galego sobre a falta de limpeza do CEIP Emilia Pardo Bazán de Leiro, instando á súa limpeza inmediata e as tarefas de mantemento correspondentes. Alerta da “lamentable situación” do centro de Leiro, con graves deficiencias de mantemento “que deben ser resoltas de maneira urxente tralas numerosas queixas dos pais dos nenos que alí reciben aulas”.

Blanco aludiu á recente visita de Feijóo a Ourense para, dixo, “facer unha foto de precampaña mentres deixa sen resolver os problemas que realmente preocupan aos ourensáns. Criticou “a falla absoluta de mantemento das instalacións educativas por parte do Concello e da Xunta xunto coa desidia, desleixo e pouca sensibilidade do rexedor”.

Engadiu que “o alcalde está continuamente a desatender as súas obrigas coma máximo xestor municipal e non é merecente da confianza que nel depositaron os veciños, ten que facer honra o seu cargo e esixir os servizos polos que todos os veciños de Leiro están a  pagar”.

Afirma que “ten chegado o momento de que os centros educativos galegos empecen a recuperar paulatinamente as condicións que tiñan antes da chegada da crise económica, considerando como prioritario o estado de conservación dos nosos centros educativos, pois é un feito contrastado que a partida económica dedicada para obras de RAM –reparación e arranxos – ten caído de maneira alarmante durante o Goberno de Feijoo”.

Concesión

A deputada socialista explicou que a empresa que se fai cargo do mantemento foi contratada en réxime de concesión e recibe do erario municipal 58.000 euros pola limpeza viaria e dos edificios municipais, por un período de 18 meses.

Sinala que as funcións desta empresa inclúen a limpeza do colexio. Sen embargo, tal como destacan os socialistas de Leiro, “esta limpeza non está a suceder, hai un nivel de suciedade intolerable, tanto exterior coma interior”.