Entrevista a Eladio Fernández, candidato de VíaNova Galicia á presidencia da Xunta.

«Ninguén vai vir salvar a Ourense, teñen que ser os propios ourensáns os que o salven»

Eladio Fernández (Punxín, 1958), avogado, fundou o seu propio partido na primavera pasada, VíaNova Galicia, co que se presenta como candidato á presidencia da Xunta.

Vostede pasou polo Partido Socialista, logo polo Partido Popular, e agora funda o seu propio partido, como cre que acollerá o votante ourensán este “baile” de ideoloxías?

Eladio Fernández: “Eu creo que non vai afectar, realmente sempre tiven na miña cabeza o proxecto de Galicia. Penso que se podería facer desde calquera partido de ámbito nacional se foran serios e responsables. Durante a miña traxectoria no Partido Socialista, onde estiven máis tempo, dinme de conta de que os partidos son moi xerárquicos, obedecen á liña que marcan desde Madrid e estes partidos son meras delegacións dos partidos centrais de Madrid ou Barcelona.

Por iso estou convencido de que unha opción enteiramente galega que non dependa de decisións externas é o que mellor lle vai a Galicia. É moi necesario un liderado enteiramente galego”.

Xa existen partidos de ámbito galego, por que esa necesidade de crear un partido novo?

E.F.: “No noso ámbito non hai tanto, somos un partido de ámbito galego que intentamos sintonizar con esa franxa social galega maioritaria que podíamos entender de centro. Queremos representar o espírito de cómo somos os galegos, non somos independentistas, nin nacionalistas, defendemos a integridade co Estado español pero defendendo firmemente o noso. Esa franxa que poderíamos entender de centro galego, nesa liña non hai ningún partido. Houboo cando comezou a democracia pero foi absorbido maioritariamente polo PP, que viven deso aínda.  Un partido galego de centro, sen depender de fóra, partidarios da unidade de España e europeísta, non hai ningún».

Como fai un partido modesto para tratar de facerse un oco na campaña?

E.F.: “Cun proxecto crible, serio, dicindo a verdade á xente. En política hai que ter moita paciencia, sabendo que hai que sementar unha semente e que necesita tempo para crecer, pero se a semente é boa e o terreo é apropiado a semente sempre xermina. Nós sabemos que vai xerminar. O tempo que imos necesitar dirao as circunstancias pero cada día me confirma máis que a nosa liña é a que necesita Galicia. Somos un proxecto para quedar, non vimos a unhas eleccións autonómicas para ver como vai a cousa e desaparecer. O noso proxecto é para medio longo prazo porque sabemos que un proxecto serio para Galicia necesita o seu tempo”.

Cal é a súa proposta estrela para Ourense?

E.F.: “Ourense é a última provincia de Galicia, de España e de Europa, os indicadores sociais e económicos o veñen dicindo mes tras mes. Ourense non se soluciona cunha medida, Ourense necesita primeiro que os axentes sociais, económicos, cidadáns, partidos se dean conta de no pozo no que estamos metidos. Necesítase moita capacidade de pacto. Ninguén vai vir salvar a Ourense, teñen que ser os propios ourensáns os que o salven. O gran problema de Ourense é a desunión que houbo sempre, primeiro temos que contar coa unidade. Un pacto de goberno por Ourense nas cuestións fundamentais para empezar a levantar esta provincia é imprescindible.

As medidas estrelas son en todos os ámbitos porque está todo por facer. Só se preocuparon de que Ourense fora unha fábrica de funcionarios e pouco máis”.

Por que os ourensáns deberían optar pola súa opción nas eleccións ao Parlamento de Galicia?

E.F.: “Porque é unha gran oportunidade, tocamos fondo en Ourense, o 21% dos nenos están en risco de exclusión social, os poucos nenos que existen. Economicamente non hai actividade ningunha, as infraestruturas están paradas, estamos nunha situación complicada. De todos modos, nós poñan onde nos poñan os cidadáns, imos seguir traballando por Ourense e por Galicia, porque cremos en algo mellor para Ourense”.