Barquero cre que o PP é o “único responsable” da anulación da normativa urbanística provisional.

O PSOE pon seis condicións para apoiar o novo PXOM

O voceiro socialista no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, compareceu este xoves ante os medios de comunicación para valorar a sentenza que anula a normativa urbanística provisional de Ourense. Unha anulación que atribúe a un único responsable: “o PP e o goberno da Xunta presidido por Feijóo”.  E é que a sentenza do TSXG fundaméntase na falta de exposición pública da normativa, “trámite que a Administración autonómica obviou”, recalcou o político socialista.

O PSOE  non asume “como propio” o novo Plan Xeral

Vázquez Barquero dixo que o novo PXOM está “bloqueado” polo PP, que intenta levar a cabo “a manipulación e o cambiazo” do plan aprobado inicialmente en 2013 por socialistas e nacionalistas. O voceiro do grupo municipal socialista refírese, entre outros, a aspectos como a inclusión de 11 novas directrices por parte do concelleiro de Urbanismo “sen xustificación técnica”, pola imposición “en comandita coa Xunta” dun convenio sobre transporte metrepolitano, e por “finiquitar” o proxecto de estación intermodal.

Por estes motivos, explica Barquero, o “PSOE non asume como propio o proxecto de plan de urbanismo”, pois cambiou a súa “filosofía” e ponlle ao grupo de goberno seis condicións para contar co seu apoio na aprobación definitiva. A primeira delas é que o alcalde defenda o proxecto de estación intermodal gañador no seu día do concurso; a segunda, que renegocie coa Xunta o convenio do tranporte metropolitano; a terceira, que xustifique técnicamente as 11 novas directrices do PXOM; a cuarta, que aposte por liberar o corredor ferroviario e dedicalo aos usos que foran previstos; a quinta, que atenda as demandas dos colectivos veciñais relativas ao perímetro rural; e a sexta e última que dea unha resposta “técnica e e axeitada” ao informe sobre o Plan elaborado por varios colectivos da cidade.

“Se quere consensos, pode habelos, só ten que dar marcha atrás”, remataba o edil socialista.