No certame participaron este ano un total de 119 pezas realizadas por 3.404 estudantes de toda Galicia.

O OUFF Escola entrega os seus premios

O VII certame OUFF Escola, que premia os mellores traballos audiovisuais en galego realizados por escolares, repartiu 2.600 euros en premios que foron entregados este mércores no Auditorio Municipal. Máis de 500 nenos e nenas chegados de 14 centros educativos de toda a xeografía galega asistiron á gala de entrega dos galardóns.

No acto, ademais do director artístico e programador do OUFF, Fran Gayo, estiveron presentes Valentín García Gómez -Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia-, Silvia Dorado Morales -Secretaria territorial da delegación da Xunta en Ourense-, Manuel Doval – deputado de cultura da Deputación Provincial de Ourense-, Belén Iglesias -Concelleira de Educación, Cultura e Comercio do Concello de Ourense-, e Jesús Vázquez, alcalde da cidade-, xunto aos membros do xurado desta 7ª edición do certame, conformado por Anxos Fazáns -cineasta-, Déborah Vukusic -actriz-, Simone Saibene -cineasta-, Manoli Maseda -coordinadora provincial das equipas de Normalización e Dinamización Lingüística-.

Tras a entrega de premios e antes da proxección dos traballos gañadores, o alcalde da cidade quixo ter unhas palabras cos asistentes, transmitíndolles o “orgullo de ver tanta participación neste certame, que está a formar unha canteira de cineastas para o futuro”. Jesús Vázquez agradeceu á organización, aos membros do Xurado, ao equipo de Fran Gayo, á Secretaría Xeral de Política Lingüística e a docentes, centros e participantes, “a súa implicación no concurso, ao que este ano concorreron 120 traballos”.

O certame OUFFescola naceu do esforzo e a xenerosidade da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, a través do Servizo de Normalización Lingüística e sobre todo do 21OUFF, que xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística dan continuidade a este proxecto audiovisual.

Palmarés

O primeiro premio na categoría «Infantil ou Primaria”, dotado con 600 euros, foi para «O mago Rosa» do CEIP Plurilingüe Otero Novas, de Cortegada, e na categoría “Demais niveis de ensino non universitario” recaeu en «Os xeranios do señor Alfonso» do CPI Virxe da Saleta, de Cea.

O segundo premio, dotado con 400 euros, na categoría «Demais niveis de ensino non universitario» recolleuno  o IES Chamoso Lamas, do Carballiño, por «Sons do camiño», mentres que na categoría “Infantil ou Primaria” premiouse a «Ranilda» do CEIP da Lama, do concello pontevedrés da Lama.

O mellor guión da categoría “Demais niveis de ensino non universitario”, galardón dotado con 300 euros, foi para «O capitán Penedo» do CPI Antonio Failde, de Coles, mentres que na categoría “Infantil ou Primaria” premiouse a «A chave para 6.000 presos» do CEIP Torre Illa, da Illa de Arousa.

Ademais, na categoría de Infantil e Primaria houbo mencións especiais para «Señor Ramón e Señora Ramona», do Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa, «Maruxa» do CEIP Coirón Dena, de Meaño, e «A máscara do león» do CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu, e na categoría “Demais niveis de ensino non universitario” para  «Curuxás» do IES do Camiño, de Palas de Rei.