A conselleira de Medio Ambiente de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, mantiveron unha xuntanza para coordinar a postura procesal ante o Supremo.

Xunta e Concello elaborarán conxuntamente o recurso de casación sobre a ordenación provisional

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Ourense colaborarán para elaborar un recurso de casación a presentar ante o Tribunal Supremo tras a anulación do decreto 187/2011 no concernente á ordenación urbanística provisional desta cidade.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde, Jesús Vázquez, presidiron unha xuntanza que tivo como obxectivo avanzar nesta cooperación e coordinar a postura procesal ante o Supremo.

No encontro, celebrado en Santiago de Compostela, tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería, María Jesús Lorenzana; a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; e responsables da asesoría xurídica da Xunta de Galicia. Por parte do concello, tamén asistiron o concelleiro de Urbanismo, Xestión, Planeamento e Patrimonio, José Jesús Cudeiro Mazaira; e a letrada do servizo  xurídico municipal, Ana Blanco.

Paralelamente a este recurso, o Concello segue avanzando na tramitación do seu novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), para o que a Xunta volveu brindar toda a súa colaboración co obxectivo de axilizar este procedemento o máximo posible.