Víctor Pérez ensinaranos a mirar o firmamento nunhas conferencias organizadas polo Ateneo.

“A zona da Veiga ten certificación Starlight, pero temos moi bo ceo noutras partes de Ourense”

Todos os martes de abril e maio o Ateneo de Ourense achéganos á astronomía da man Víctor Manuel Pérez Vázquez, doutor en astrofísica pola Universidade de Arizona e cun curriculo extenso no que o máis chamativo é que anda na procura de asteroides próximos á terra.

A primeira xornada tivo lugar este 3 de abril, e nela falouse da astronomía de posición. Quedan seis máis que, de seguro, sorprenderán aos que se acheguen e queiran coñecer un pouco máis do cosmos. As charlas teñen lugar na sede temporal do Ateneo de Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Progreso 30) e están abertas a toda persoa inqueda sobre o espacio.

A primeira conferencia no Ateneo contou con moita afluencia de público, que lle dirías á xente para que acuda ás seguintes?
V.P.: “Nas seguintes imos tratar o tema do Sistema Solar; por qué se producen os eclipses. Faremos, ademais, un percorrido virtual cun simulador do Sistema Solar, aproximarémos aos outros planetas.
A seguinte conferencia será sobre estrelas nebulosas, cúmulos de galaxia, na que utilizaremos un programa de planetario facendo un percorrido polos distintos ceos.
Outra acollerá consellos prácticos de observación para saír á terraza cun telescopio e gozar do que podemos ver.
E xa para os que queiran adentrarse máis falaremos sobre o procesamento das imaxes astronómicas”.

Ademais, terás unha xornada moi intersante en Berán.
V.P.: “Imos a organizar en Berán o 14 de abril -dependendo do tempo- unha xornada que contará con talleres de astronomía, na que realizaremos un reloxo de sol; un planisferio terrestre para recoñercer as principais constelacións; un taller de cohetería experimental, lanzaremos cohetes que poden acadar o quilómetro de altura; unha observación solar; ademais dunha conferencia sobre marabillas do universo e unha observación nocturna -con medición de calidade do ceo- amenizada con música”.

Descobres uns tres asteroides ao ano. Pódese dicir que en Ourense hai calidade para mirar ao ceo?
V.P.: “Desde a cidade hai dificultade pola contaminación lumínica. Logo hai zonas como Trevinca ou o alto do Rodicio cunha moi boa visibilidade. Todo o macizo central ourensán ten unha riqueza a explotar neste sentido. Aquí temos á zona da Veiga con certificación Starlight, pero temos moi bo ceo noutras partes, como en San Xoán de Río, a baixa Limia, a zona da raia, a Mezquita. temos un ceo para gozar. A xente de Vigo e da Coruña veñen aquí para contemplar o firmamento”.

Habería que estudar máis astronomía no colexio?
V.P.: “A ciencia básica é a abandonada nos temas de investigación. No Bacharelato énchennos de fórmulas pero non nos explican para que sirven, o que podería ser moi chamativo para o alumno, se explicaran en que se pode aplicar sería moito máis atraínte. Este tema interesa moito en Ourense. Cando facemos unha actividade a xente achégase, sente curiosidade. Facemos o bautismo do telescopio, a primeira vez que ve Júpiter ou os aneis de Saturno a xente alucina”.