O novo alcalde de Xinzo, Manuel Casas, descóbrenos as liñas do seu goberno e os proxectos que considera máis prioritarios.

“Antonio Pérez, a día de hoxe, segue sendo o meu alcalde. Nós imos continuar na súa liña”

Xa é un clásico no Concello de Xinzo. Formou parte da corporación nas primeiras eleccións municipais da democracia e tras varios pasos pola Administración tócalle levar o bastón de rexedor ata as próximas eleccións municipais trala demisión de Antonio Pérez. Manuel Casas resúmenos os seus obxectivos para reste ano.

Cal é a súa traxectoria política?
Manuel Casas: “Son un veterano da política. Esta é a sétima corporación da que formo parte.
Comecei na primeira corporación democrática que houbo en 1979. Alí recibín a miña primeira lección de ser un home de Estado. Era unha corporación onde estabamos 8 da UCD e 4 do Partido Comunista, era o concello de Galicia, despois de Ferrol, que máis representación porcentual tiña deste partido.
Houbo un momento no que tiñamos que decidir crear un instituto de bacherelato acá. Hoxe é doado, pero daquela había que ter maioría para ceder os terreos. Os representantes do PCE achegáronse a nós e dixéronnos que nos apoiarían en todo porque era un tema moi importante”.

Tivo algún cargo representativo ao longo da súa carreira?
M.C.: “No ano 1993 tiven a sorte de ser nomeado delegado de Xustiza en Ourense, despois fun ao Parlamento unha lexislatura en 1997, fun director Xeral un ano e despois viñen de delegado de Agricultura para Ourense. De seguido, incorporeime á miña praza de profesor de galego e cando me xubilei invitoume a formar parte da súa lista Antonio Pérez”.

Que opina dos feitos acontecidos co anterior alcalde, Antonio Pérez?
M.C.: “Antonio, a día de hoxe, segue sendo o meu alcalde. É unha persoa traballadora, moi pelexón, un gañador nato. Hai un dato económico que di bastante da súa xestión. Cando chegamos ao Concello no 2011 tiña unha débeda de 11 millóns de euros. Fixemos un plan de axuste e agora non chega a 4 millóns de euros. Pasamos de que ninguén nos quería vender na vila, porque había facturas do 2002 sen pagar no ano 2012, a ter un remanente de tesourería de 1,7 millóns de euros. Fíxose unha labor moi rigurosa no ámbito económico.
El renunciou voluntariamente tras unha sentenza recurrible e agardo que a gañe na Audiencia Provincial porque sería unha maneira de que Xinzo recuperase un moi bo alcalde, moi traballador. Nós imos continuar na súa liña”.

Cales son os proxectos a curto prazo que ten enriba da mesa?
M.C.: “Estamos iniciando tres obras: a rúa da Igrexa, a do Peto e Santa Mariña. Nestas dúas últimas estamos pendentes do informe definitivo de Patrimonio e na da rúa Igrexa estamos coordinando con telefonía e electricidade para que canalicen todo xunto.
Tamén temos o compromiso formal do presidente da Xunta para a avenida de Celanova, tras facer un modificado do proxecto para non cortar as árbores, como pedían os veciños; e a primeira fase de circunvalación de Xinzo, dende a rotonda da autovía na N-525 ata a estrada de Baltar.
Así mesmo, a conselleira Beatriz Mato comprometeuse para dotar dun colector a Morgade por valor de 350.000 euros. E hoxe a mañá chamoume o conselleiro de Industria, Francisco Conde, para lembrarme que está pendente de adxudicación o alumeado da avenida de Portugal, por 120.000 euros”.

Cales son os grandes retos na xestión para os vindeiros meses?
M.C.: “O primeiro é organizarnos. Vai vir un novo edil de infraestruturas e urbanismo. Eu estou facendo os primeiros contactos ordenadamente. Estiven co presidente da Deputación e comprometeuse cunhas obras que para nós son moi importantes, na avenida de Ourense, a entrada principal de Xinzo. E na de Madrid, a súa continuación, facer algo parecido.
Estamos tamén en contacto con Celso Delgado, que preside a comisión de Fomento, para que tamén participe, pois a estrada é deles. Neste ano temos que darlle un pulo importante a este proxecto.
Hai outra área degradada, preto do río, na rúa Rosalía de Castro, onde hai unha antiga báscula que da mal aspecto e queriamos facer un parque para nenos con algunha discapacidade.
E teño que agradecer que desde que está Francisco Marín como presidente da Conferederación do Miño-Sil, Xinzo está no mapa e tenos feito obras moi importantes.
En 1991, ao lado do mosteiro de Trandeiras, o Concello adquiriu uns terreos dunhas seis hectáreas con carballos e aí queriamos facer un espacio natural de interés local (ENIL) onde hai fornos, bebedoiros, fontes, condutos de auga… poñelo en valor. Tamén estamos mellorando o entorno da Torre da Pena.
Xa para finalizar, é moi importante, e así llo indiquei ao presidente da Xunta, a ampliación do polígono industrial. Xinzo non dispón de ningún metro cadrado de solo industrial e hai promotores que están pendentes desta ampliación”.

Outra problemática o é a falla de prazas nas garderías?
M.C.: “Temos unha gardería que funciona moi ben pero somos conscientes de que hai que ampliala. A poboación da vila aumenta pero temos un problema. Hai uns 1.800 veciños que residen en Xinzo e están empadroados en concellos limítrofes. Estamos intentando solucionar isto, pero vémolo moi difícil”.

Os campos están asolagados polo efecto choiva, vai tomar o Concello algunha medida?
M.C.: “Para esta comarca o cereal e a pataca son fundamentais. Ímoslle pedir á Administración que faga unha valoración dos danos e que haxa liñas de axuda, na maneira que eles vexan mellor”.

Será o próximo candidato á alcaldía de Xinzo?
M.C.: “Hoxe non toca falar diso. Temos que demostrar ao pobo que somos capaces de organizar o Concello. Encántame ser edil.
Pero non me asusta. Xa encabecei unha lista coa que gañamos, aínda que gobernou o tripartito pola aritmética. Manuel Casas fixo moita máis política do que podía aspirar. Son consciente das miñas flaquezas, que son moitas, pero confío moito no equipo.
Tocoume esta etapa na que vou poñer toda a miña dedicación”.