Entrevista a Modesto García, presidente da UD Ourense.

“Foi moita loita, moita rabia contida que temos desde o que pasou con Club Deportivo Ourense”

O presidente da UD Ourense descríbenos a emoción de xogadores, corpo técnico e afeccionados polo ascenso do equipo a Terceira.

Co título de Preferente, o ascenso a Terceira e a días de xogar a final da Copa Deputación falamos con Modesto García, persoa que leva catro anos ao fronte do club sucesor de CD Ourense. Neste tempo suma catro ascensos consecutivos.
Finalistas de copa, campións de Liga e ascenso, unha tempada de dez?
Modesto García: “Un resultado a veces pode cambiar a perspectiva pero houbese sido igualmente. Se o Atios marca nos últimos minutos ou non se consigue remontar na Copa a consideraría igualmente de matrícula de honra”.

A guinda sería levantar a Copa Deputación?
M.G.: “Sería bonito acadar o doblete. Xa temos a Copa Deputación B. Agora sería a única oportunidade que, eu creo que na historia, imos ter de gañar a Copa Deputación A por que este club estará sempre, mínimo, na categoría que alcanzamos fai dúas semanas. Estaría bonito tela nas vitrinas da sala de trofeos”.

Estaría ben para o club que non tivera que xogala máis.
M.G.: “Estou seguro. A nosa forza é a base social; outros clubs poden ter apoio dunha persoa que se poña ao fronte con moitos cartos, do poder político. Se as cousas se fan con sensatez, como creo que se fixeron ata o momento, o club o mínimo onde estará é Terceira”.

Rematou o encontro en Atios e desatáronse moitas emocións. As bágoas máis que polo ascenso en concreto parece que foran por estos catros anos.
M.G.: “Foi moita loita, moita rabia contida que temos desde o que pasou con CD Ourense. Os outros ascensos eran unha obriga e iste si que foi importantísimo e costou moito. Este club é máis que un club, é un sentimento de tantos que eramos afeccionados do Ourense. Ver que volve a rexurdir e volve a onde estaba o outro, a categoría nacional. Foi un desbordamento de todos os sentimentos, de todo o contido durante catro anos”.

E fuches manteado e coreado no campo do Atios.
M.G.: “Iso está ben pero é en representación de todos os que estamos aí metidos. Un só é imposible de levar a cabo todo isto. Son moitos os que merecen o recoñecemento: Currás polo seu compromiso, Antonio (Dacosta) que estivo desde o principio. Son moitos os que deberían ser manteados”.

En breve a asemblea. Cales serán os puntos destacados?
M.G.: “Levaremos unha proposta dos prezos para os abonados de cara a tempada que vén, nunha competición súper atractiva na que nos encontraremos con equipos como o Rácing de Ferrol, Barco, Arenteiro; contra clubs históricos.
Tamén veremos a posibilidade de poder crear unha fundación. Explicaranse os motivos e os beneficios para o club desta iniciativa”.

Colocáchedes á UD Ourense onde queríades. Plantexádevos, ti e a túa directiva, dar un paso cara un lado?
M.G.: “Eu sempre dixen que me gustaría retirarme agora, sería o mellor momento. Pero non teño información de que haxa nada por detrás que queira collelo e seguir a labor que levamos facendo nestes catro ano. Así que teremos que seguir”.

Condición inexcusable: quen veña que siga con esta fórmula de traballo?
M.G.: “Debería de ser. Somos un club popular e quen decide son os socios en asemblea. Creo que esta fórmula de traballo é a máis axeitada, pero insisto, son os socios quenes deciden”.