“Dá igual por onde entre o AVE, pero que veña xa porque é bo para o turismo da cidade”.

Entrevista a Tino Iglesias, asesor de hostalaría

Tino Iglesias dirixe dende fai seis anos unha empresa adicada ao asesoramento de negocios hostalerios da nosa cidade e tamén promove eventos gastronómicos en Galicia.
Xa fai tempo que Tino Iglesias é un vello coñecido da hostalaría ourensá. Dende fai uns anos aporta todo o seu coñecemento para colaborar con numerosos proxectos ou para emprendelos. Nesta reportaxe descubrenos o seu pasado e o seu futuro, así como o seu punto de vista sobre o turismo e a nosa cidade.

Dinos en dúas palabras a que se dedica a túa empresa?
Tino Iglesias (T.I.): “Xa levamos seis anos.É unha empresa de servizos gastronómicos, asesoramento, temas turísticos relacionados con locales de restauración, e tamén promovemos eventos de showcooking xa sexa para xente de fóra ou de aquí, para profesionais ou non, todo no ámbito galego. Por outro lado, tamén facemos xornadas técnicas para profesionais e formación e asoramento para negocios que están case na quebra e, grazas ao equipo que teño, levantamolos e poden seguir traballando. Diso estamos moi orgullosos. Facemos tamén formación profesional de varios meses con practicas en locales ao rematar e temos un índice de colocación de preto dun 80%, moi alta”.

En que proxectos traballades actualmente?
T.I.: “Este 15 de setembro temos unhas xornadas para nenos en Porriño, cuns obradoiros de chocolate… vai vir Miri, participante en Masterchef, que fará comidas para os nenos. Tamén esta fin de semana temos o “Barbadás a bocados”, un concurso de pinchos na Valenzá e Barbadás con actividades paralelas, como canto de tabernas e outra participante de Masterchef”.

E outros proxectos a futuro que teñades?
T.I.: “Ímos moi ben. A nosa forma de traballar vai de boca en boca. Non temos unha variña máxica para saber que é o que falla nun local ou o que precisa, facemos un estudo do local e da zona, dos competidores… Non cometemos o erro de que si hai un local que funciona e ten éxito porque vende polbo, montamos ao lado outro que venda tamén polbo. Non. Hai sitio para todos. Busca algo que non haxa na zona para complementar, non copiar. Non somos unha empresa tan grande que poidamos emprender moitos proxectos á vez. O último que fixemos é coller un local no centro, non é un asesoramento, ímolo explotar de cara ao público. Vimos a sumar tapas novas a zona na que estamos, nos “viños”. De cara ao turista non ímos vender polbo nin carne porque xa o hai preto, nin vender copas porque hai locales que o levan facendo tempo moi ben. Queremos algo novo que atraia aos turistas cun produto novo e moi elaborado, como as navallas ou atún vermello”.

Que crees que demanda o turista que ven a Galicia?
T.I.: “O turista demanda a tradición, o noso produto, un bo polbo, unha boa carne e un bo marisco. Pero o problema que temos é que o turista ven moi pouco tempo a Ourense, un día, dous como moito. Pero si notamos que o turista busca e valora unha hostalaría máis moderna”.

Inflúe o turismo no teu traballo diario?
T.I.: “No meu traballo o que tento sempre é captar turismo, xa sexa local, doutras provincias galegas ou nacional. O traer personaxes coñecidos pola televisión sempre lle da un valor engadido a calqueira evento e fan que se desprace xente a velos. Sei de eventos que veu xente de León, de Asturias… polas redes sociais comunican onde van a estar e os seus seguidores movilízanse. É un mundillo que move moita xente. Teño que ver as finais deses programas para coñecelos porque algúns concellos sempre chos acaba reclamando. Sempre cumpren as expectativas de público e hai algún personaxe máis mediático que outro. Sempre que ven algún televisivo a elgún evento e se enteran outros negocios, pídennos que llo levemos porque saben que van ter máis afluencia de clientes, sempre valorando os custes, claro”.

Cal e a túa opinión sobre a hostalaría ourensá?
T.I.: “En tema gastronómico vexo a Ourense moi preparado. O empresario está moi preocupado por dar un bo servizo e pola calidade e preparación do produto, tamén por innovar. Fai pouco fixemos unha enquisa sobre o turismo que nos encargou unha empresa e o que máis puntuaba o turista era o trato persoal co camareiro. Creo que da gusto vir a Ourense e atoparte con bos profesionais e mellores persoas. No que estamos moi carentes é en prazas hoteleiras. Hai unha necesidade moi urxente de ter xa un hotel balneario”.

Crees que o AVE será un punto de inflexión no turismo da cidade?
T.I.: “Vai ser moi importante para Ourense pero se sabemos aproveitar. Levamos falando moito tempo pero tíñamos que estar xa preparados. O AVE poder ser un transporte que faga que veñan a Ourense ou que veñan e se marchen no mesmo día. Ourense ten moito que vender; de cinco DO de viños, temos catro; somos a segunda cidade de España en achadegos románicos; temos a Ribeira Sacra, algo maravilloso; os mellores modistos de España son de aquí; a segunda cidade de Europa con máis auga termal pero non temos un balneario de referencia na cidade. Témolo todo! Entendo que agora o problema radica en que non hai plan de urbanismo, sei de xente que quere invertir e construir hoteles pero non hai seguridade xurídica. O que falta é que todos os políticos se conciencien da necesidade de que estas catro ou cinco cousas que che comentei queden fóra da ideoloxía dos partidos, se xunten, se unan e convertelo en realidade. Aprobar o plan de urbanismo e apostar polo termalismo. Calqueira partido que goberne a cidade siga ese plan que é bo para todos. Falta esa proxección de futuro. Sei que queren comezar ese camiño. Da igual por onde entre o AVE, soterrado ou non, pero que veña xa porque é bo para o turismo da cidade. É unha pena porque a xente que ven a Ourense queda encantada”.