Entrevista a Roberto Abad, coordinador da carreira popular do San Martiño.

“Unha carreira desta magnitude leva detrás de si moitas horas de dedicación e traballo por parte da organización”

Que a carreira popular do San martiño sexa un éxito é grazas a labor de moitísima xente -voluntarios, Protección Civil, Policía Local,…- todas elas coordinadas nas últimas edicións por Roberto Abad. A proba xa supera os 10.000 inscritos.

Chega unha nova edición do San Martiño, a número 42. Na cidade e tamén entre os usuarios do pavillón nótase que hai moita xente preparándose para esta cita inescusable para milleiros de persoas?
Roberto Abad: “Efectivamente, unha nova edición na que se perciben xa as ganas da xente de participar na nosa emblemática e popular carreira pedestre, que como ben dis, xa vai, nin máis nin menos, que por corenta e dúas edicións. As inscricións van a moi bo ritmo, e contamos con estar nos mesmos rexistros de inscrición que en anos anteriores”.

De novo serán milleiros de persoas as que saian ás rúas de Ourense para participar na proba decana das carreiras populares de Galicia. É unha gran responsabilidade?
R.A.: “Si, pensa que estamos a falar de máis de 10.000 participantes directos, máis toda a cidadanía que se achega para seguir e apoiar este gran evento. Son miles de persoas as que en catro ou cinco horas danse cita nas rúas da cidade, e os medios de seguridade, tanto en carreira como nos arredores deben ser extremos. Obviamente, sen a colaboración da Policía Local, de Protección Civil, dos traballadores do Consello Municipal de Deportes e dos voluntarios, que cada vez son máis, esta carreira sería imposible de levar a cabo, polo que podemos dicir que son varios os grupos humanos e as áreas do Concello que comparten esta gran responsabilidade”.

Canto tempo levades traballando na edición deste ano do San Martiño?
R.A.: “Unha carreira desta magnitude, que reúne a tantos deportistas e afeccionados, como non pode ser doutra maneira, leva detrás de si moitas horas de dedicación e traballo por parte da organización. No San Martiño está a traballarse desde o día seguinte á celebración da anterior. Pensa que no mesmo momento que se clausura a carreira, xa se están analizando os posibles cambios e melloras, nesa procura permanente pola mellora da proba. Non en tanto, o traballo intensifícase sobre todo a partir do mes de setembro, onde xa se empezan a pechar os últimos detalles”.

Entre o venres e sábado anteriores (coa entrega de dorsais) e o propio día da carreira, canta xente contribúe a que este evento sexa o éxito que é cada ano?
R.A.: “Como che dixen son moitísimos os voluntarios que participan no bo desenvolvemento da proba, xa desde os días previos á mesma, na entrega de dorsais en Expourense, con motivo da Feira do Deporte e o Turismo activo de Sportur. Estamos a falar de que son, aproximadamente, unha centena os voluntarios que participan cada ano nesta carreira”.

Por que o labor do voluntario é importante?
R.A.: “O correcto labor dos voluntarios non é importante, é determinante, xa que son numerables os labores que hai que desempeñar no transcurso destes días. Desde a entrega de dorsais/chips dos días previos, como o control de gardarroupa, control das zonas de avituallamento, acompañamento dos nenos en zona de meta e control de lugares estratéxicos en diferentes puntos do percorrido pola cidade”.

Se alguén quere participar sendo voluntario, que debe facer?
R.A.: “Pois debe porse en contacto co Consello Municipal de Deportes, para achegar os seus datos persoais, e vir cargado de ilusión e ganas por formar parte desta marabillosa festa do deporte ourensán”.

Este ano celébrase a primeira carreira inclusiva. Fálanos dela.
R.A.: “A idea desta carreira é dar visibilidade e a oportunidade de participar a diferentes grupos de poboación e, en concreto, a todas aquelas persoas con diferentes capacidades ou diversidade funcional. Para estas persoas, consideramos, desde a área de Deportes do Concello, fundamental a súa inclusión na sociedade, a través, non só do traballo ou os estudos, senón tamén desde a práctica deportiva”.

Para rematar, algunha recomendación ás persoas que se calcen as zapatillas o 18 de novembro para participar no San Martiño?
R.A.: “Son moitas as persoas novas, maduras e de idade algo máis avanzada que na actualidade lánzanse a correr ou practican algún tipo de actividade física de diferentes intensidades sen unha revisión previa, cos consecuentes riscos que iso entraña. Cando se trata de actividade física intensa, e esta proba para moita xente éo, é aconsellable, antes de comezar, facerse unha boa revisión médica para determinar se o noso corazón está ben, se non padecemos dalgún problema coronario ou cardiorrespiratorio grave, e se, en liñas xerais o noso estado de saúde é o adecuado para a práctica deportiva.
A partir de aí, a gozar un ano máis da nosa querida e entrañable San Martiño”.