Entrevista a Zeltia Lado, xerente do Instituto enercético de Galicia (INEGA).

“Galicia fai os seus deberes e, para o ano 2020, atenderá con renovables o 45% do consumo”

Falamos coa xerente do Inega quen nos explica os pasos que se dan en Galicia de cara ao consumo de enerxías renovables. O Instituto Enerxético de Galicia supón unha peza fundamental de cara a que Galicia cumpra cos requisitos da Unión Europea sobre as enerxías renovables. Zeltia Lado explícanos os pasos que se dan na nosa comunidade.

Que é INEGA?
Zeltia Lado: “O Inega é unha axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria, entre os seus fins están o fomento, impulso e realización de iniciativas e programas para a investigación, o estudo e o apoio das actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos dos distintos sectores económicos de Galicia”.

Cales son os requisitos da Unión Europea en canto ás enerxías renovables?
Z.L.: “A Directiva 2009/28/CE do 23 de abril de 2009 relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables establece como obxectivo que no ano 2020 o 20% do consumo de enerxía final proceda de fontes renovables. Galicia está facendo os seus deberes e, para o ano 2020, atenderá con renovables o 45% do consumo.
De cara ao 2030, os Gobernos da UE e o Parlamento Europeo, recentemente, fixaron como obxectivo vinculante acadar o 32%”.

Desde INEGA, que pasos se están a dar?
Z.L.: “No período 2009-2017 puxemos en marcha liñas de axuda para o fomento do aforro enerxético e das enerxías renovables que permiten a mobilización de 236 millóns de euros.
Especial mención merece a Estratexia da Biomasa, coa que se pretende poñer en valor este combustible autóctono e renovable, xerando actividade económica e emprego. A Estratexia inclúe liñas de axuda para o fomento do equipamento térmico con biomasa en vivendas, empresas e administracións. Entre os obxectivos fixados para 2020 destacan: valorizar 275.000 t/ano de biomasa; ou diminuír o consumo de combustibles derivados do petróleo nun 14%, cun aforro asociado de 70 millóns de euros ao ano, evitando así a emisión a atmosfera de 245.000 toneladas anuais de CO2.
Tamén se está fomentando a instalación doutras enerxías renovables como a xeotérmica, a aerotermia, a solar fotovoltaica asociada ao autoconsumo eléctrico e a solar térmica. Boa proba diso é que en Galicia xa hai instalados máis de 275.000 m2 de paneis solares térmicos e 25 MW en fotovoltaicos”.

En Ourense crearase o primeiro EcoBarrio de Galicia, fálanos un pouco del?
Z.L.: “O proxecto do EcoBarrio de Ourense, na zona da Ponte, ten como obxectivo converterse nunha actuación integral de referencia a nivel europeo relacionado coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade medioambiental e o impulso das enerxías renovables a nivel de barrio no ámbito urbano do concello. Vai supoñer unha drástica redución do uso de combustibles fósiles e das emisións de gases de efecto invernadoiro.
O proxecto do EcoBarrio inclúe actuacións a nivel de barrio, pero tamén a nivel de edificio. Así, proponse actuar sobre 31 inmobles e locais públicos e 18 edificios privados cun total de 338 vivendas. Tamén se promoverá a xeración de enerxía renovable (district heating); o alumeado público; a mobilidade sustentable; e os sistemas de xestión e control da enerxía”.

A primeira rede de xeotermia de Europa?
Z.L.: “A xeración de enerxía renovable a nivel de barrio sustentarase nun district heating cuxa base de xeración térmica, en combinación con outras fontes renovables de enerxía, será a enerxía xeotérmica para a produción de calor e auga quente sanitaria, constituíndose na primeira rede de calefacción de distrito de Europa con xeotermia.
Este sistema proveerá de enerxía térmica a todos os edificios públicos obxecto deste proxecto e a unha parte dos edificios privados ubicados dentro do barrio da Ponte”.

E a nivel de Galicia, cal serán os seguintes proxectos dos que se fale proximamente?
Z.L.: “Este proxecto de EcoBarrio de Ourense é unha actuación de referencia que pode replicarse noutros lugares de Galicia, aliñada coa consecución dos obxectivos marcados pola UE para o 2020, 2030 e 2050 no que se pretende mellorar a calidade de vida dos veciños e o seu acceso á enerxía, favorecendo a xeración de novas oportunidades de negocio e de emprego de calidade”.

Cal é o futuro a curto, medio e longo prazo da nosa comunidade en canto ao aproveitamento das enerxías renovables?
Z.L.: “Actualmente Galicia atende o 74% do seu consumo eléctrico con enerxías renovables. Galicia conta cun elevado potencial de recurso renovable polo que o futuro destas enerxías en Galicia é moi prometedor. Así, no período 2018-2020 vanse poñer en marcha máis de 1.200 MW de novos proxectos (eléctricos e térmicos) que van incrementar a produción actual de enerxía nuns 3.750 GWh/ano evitando a emisión 950.000 t/ano de CO2, o que permitirá que en 2020 o 84% do consumo eléctrico de Galicia e o 34% de calefacción sexa atendido con fontes renovables.
No longo prazo haberá que explotar novos campos nos que xa estamos a traballar, como o das enerxías mariñas, no que a nosa Comunidade presenta un elevado potencial de recursos, principalmente undimotriz”.