Entrevista Ricardo Capilla, director xerente do parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole

“A Tecnópole converteuse nun referente no ámbito da divulgación científico-tecnolóxica”

En 26 anos a Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) converteuse nun referente para empresas e un lugar onde os máis novos mostran os seus coñecementos na Galiciencia. Ricardo Capilla falános dela e adéntranos na Tecnópole para mostrarnos todo o que ofrece.

A Tecnópole foi creada para ser un lugar de referencia en Galicia da tecnoloxía e a investigación. Cumpriu as expectativas nestes anos?
Ricardo Capilla: “Tecnópole leva 26 anos ao servizo do tecido empresarial galego de perfil tecnolóxico e innovador. E non soamente logrou consolidar un modelo de apoio á competitividade e o crecemento empresarial que non existía en Galicia, senón que configurou un pequeno ecosistema de centros de coñecemento e converteuse nun referente no ámbito da divulgación científico-tecnolóxica. A todo isto súmase unha intensa actividade de impulso ao emprendemento con máis de 180 iniciativas nadas e desenvolvidas nos nosos viveiros de empresas”.

Que ofrece a Tecnópole?
R.C.: “Todo o que calquera empresa innovadora poida desexar e necesitar; e todo iso tendo en conta que a evolución ao longo deste tempo veu marcada por unha constante adaptación ás necesidades das empresas nunha contorna cambiante. O que nos diferencia dun polígono industrial é a nosa oferta de servizos avanzados que se prestan a través da sociedade xestora e que irá crecendo e especializándose. Ademais, puxemos en marcha instalacións científico-tecnolóxicas de primeiro nivel que pon a disposición do tecido empresarial equipos nos que realizar I+D, testar produtos e formar persoal no uso de tecnoloxías punteiras. É o caso do Laboratorio de Biotecnoloxía e do Centro de Tecnoloxías Médicas Avanzadas.
Polo que se refire ao apoio á creación de empresas, ademais de pór espazos de traballo totalmente equipados a disposición dos emprendedores na nosa incubadora, acompañámoslles no seu proceso de desenvolvemento de negocio e de contacto coas empresas consolidadas da Tecnópole e a súa contorna. Ademais, en colaboración coa Universidade de Vigo promovemos unha preincubadora na que recentemente licenciados poden dar os primeiros pasos como empresarios a partir dunha idea de negocio gañadora.
Ademais, estamos moi comprometidos co impulso das vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos e levamos moitos anos pondo en marcha iniciativas propias neste ámbito”.

Cantas empresas están instaladas no recinto? E de cantos traballadores estamos a falar?
R.C.: “Neste momento superamos a barreira do centenar de empresas, contamos cun total de 103. O número de traballadores supera os 1.400.
Ao longo destes 26 anos de traxectoria son máis de 300 as empresas que formaron parte da Tecnópole e seguimos sendo un polo de atracción porque iremos ampliando as nosas modalidades de acceso a chan empresarial até cubrir todo tipo de necesidades. Agora mesmo calquera empresa que queira instalarse ten desde a opción de comprar ou alugar unha parcela até a posibilidade de contratar unha domiciliación virtual, pasando polo aluguer de oficinas, o acceso a niños ou a ocupación esporádica da sala de coworking”.

Cales son os proxectos máis destacados?
R.C.: “Polo que se refire aos servizos que prestamos ás empresas, agora mesmo estamos centrados en apoialas nos seus procesos de internacionalización. Tecnópole é, xunto coa Axencia Galega de Innovación, o nodo galego da Enterprise Europe Network a través de Galactea Plus. Trátase da maior rede mundial de información e asesoramento a pemes para promover a súa competitividade a nivel internacional e o que facemos nós é expandir o radio de acción das empresas galegas a través dos servizos que presta esta rede. Neste marco, por exemplo, organizamos con GAIN toda a axenda de reunións bilaterais da Conferencia da Plataforma de Stakeholders do Atlántico, celebrada en Vigo.
No ámbito da divulgación, ademais de participar como entidade de referencia en Galicia do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en Feminino da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), renovamos a nosa oferta de actividades de divulgación orientando as actividades cara ao STEAM (acrónimo en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas)”.

Creceu o número de empresas en Galicia dedicadas a este sector?
R.C.: “Cada vez hai máis start-ups no ámbito tecnolóxico en Galicia, ao que hai que sumar un número crecente de empresas de sectores estratéxicos de corte máis tradicional que están a incorporar a innovación como ferramenta de competitividade e crecemento. Estas dúas contornas son o noso hábitat natural, polo que creo que Tecnópole ten un campo de acción cada vez máis amplo, sobre todo porque intensificamos os nosos esforzos para prestar servizos non soamente ás empresas que se desenvolven dentro do noso recinto, senón ao tecido empresarial galego en xeral”.

A función educativa é fundamental. Cantos alumnos pasan por ela cada ano? Que tipo de iniciativas realizades cos alumnos?
R.C.: “Nas nosas aulas de capacitación en habilidades innovadoras están matriculados este curso preto de 60 nenos e nenas, 19 de entre 8 e 11 anos e 38 de entre 12 e 18 anos. É importante que os grupos sexan pequenos para que a atención dos titores especializados sexa personalizada e a orientación práctica funcione. Estarán todo o curso, até xuño, traballando en proxectos multidisciplinares baixo unha metodoloxía innovadora. Despois, no mes de xullo, celebraremos unha nova edición do noso campamento tecnolóxico de verán, o T2W, que xa se converteu nun referente.
E, por suposto, a Galiciencia, que leva 13 edicións celebradas con máis de 700 proxectos expostos e máis de 25.000 visitantes. Ademais de ser a maior feira científica de Galicia, é tamén un referente a nivel estatal, polo que levamos xa varios anos recibindo o apoio da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), ademais da Consellería de Economía, Emprego e Industria”.

Vendo a implicación destes, Galicia ten futuro na ciencia e a tecnoloxía?
R.C.: “Cada ano quedamos coa boca aberta ao ver os proxectos que traen os máis novos á Galiciencia. Supéranse curso a curso en capacidade de observación da súa contorna para detectar oportunidades de innovación e tamén en competencias e habilidades tecnolóxicas. Moitos veñen aquí xa falando de patentes, emprendemento e conceptos que son aínda de difícil dixestión para os adultos, e estamos a falar en moitos casos de mozos e mozas de 12 e 13 anos. Desde logo, a Galiciencia é un termómetro fantástico para medir o talento que liderará a Galicia do futuro e creo que podemos estar tranquilos respecto diso”.

Poderá ser -ou xa o é- un referente neste sector?
R.C.: “Galicia está chamada a ser un referente en ámbitos tecnolóxicos aos que se ha ir enfocando, de forma moi oportuna, a través da especialización intelixente. Hai que aproveitar nichos de coñecemento nos que, ben polas nosas particularidades ou pola nosa experiencia, temos especial percorrido. É o caso do envellecemento activo e saudable, un ámbito no que varias empresas e centros tecnolóxicos de Tecnópole están a traballar, por exemplo, a través do desenvolvemento de alimentos funcionais”.