O alcalde e a delegada da Xunta participaron na súa inauguración.

III Semana do emprendemento da Escola Profesional Santo Cristo

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, participaron na inauguración da III Semana do emprendemento da Escola Profesional Santo Cristo.

Durante o acto, a representante da Xunta en Ourense asegurou que cómpre fomentar a cultura emprendedora entre os estudantes e, así, motivar a súa participación activa na sociedade, poñendo no seu coñecemento as ferramentas necesarias para a posta en marcha dunha iniciativa empresarial.

Marisol Díaz subliñou a aposta do Goberno galego por impulsar o espírito emprendedor e apoiar aos emprendedores xa que son quen de dinamizar a economía, fixar poboación e contribuír á creación de emprego de calidade e riqueza, ao tempo que asegurou que son o motor que permite que os territorios progresen.

A delegada territorial explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores un amplo abano de servizos, axudas e iniciativas para apoiar a posta en marcha ou a consolidación de novas empresas. Neste sentido, a Administración galega conta coa Estratexia do Autónomo 2020, con accións para facilitar o seu día a día; a rede de aceleradoras que, nestes últimos cinco anos, impulsou 900 proxectos emprendedores; programas específicos como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende; ou a Lei de implantación empresarial.

A actividade organizada polo centro de ensinanza profesional pretende difundir as potencialidades que existen desde o emprendemento para mellorar a empregabilidade xuvenil.

O alcalde, pola súa banda, explicoulles aos presentes as tendencias actuais sobre as formas de mercar calquera tipo de produto.

Máis ponentes
O xoves 24 chega o turno das conferencias de José Manuel Díaz, Director Xerente de «Gestoría Marcelino Díaz», ás 10 horas; ás 10.25h, Ramón Liste García, Xerente de «Xestiona Asesores»; ás 10.50 h turno para Patricia Rodríguez e Sofía Ferreiro, fundadoras de»LevinRed Wine Cosmetics»; e remata as charlas, José M. Martínez Pérez, Presidente de «AGGETT».