Ademais, 53 deles son Concellos Emprendedores.

As axudas de Aprol Rural benefician a 87 concellos ourensáns

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver as axudas de Aprol Rural, unha actuación que se desenvolve por cuarto ano consecutivo co principal obxectivo de incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia. Así, o Goberno galego apoiará a contratación de 208 persoas sen emprego en 87 concellos do rural da provincia ourensá, 53 deles Concellos Emprendedores.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o Concello de Verea, un dos 87 concellos da provincia beneficiados con este programa e ao que se lle concederon axudas para contratar os catro traballadores que solicitou. Verea, ademais, é un dos Concellos Emprendedores da provincia que tiveron prioridade á hora de acceder a estes apoios xa que logran o dobre de contratos que os municipios que non contan con este distintivo autonómico, que busca favorecer a actividade industrial na Comunidade, chegando a repartirse o 60% do total do investimento.

Díaz Mouteira subliñou que esta liña de axudas, incrementouse nun 13% do investimento e dun 20% da contía das axudas aos traballadores, que este ano se sitúa nos 13.176 euros. Ao abeiro deste programa, incentívase a contratación de desempregados, durante 9 meses a tempo completo, para realizar labores de silvicultura, xestión da biomasa, limpeza de montes, valorización forestal ou planificación preventiva. O obxectivo é proporcionar ás persoas sen traballo que habitan nos concellos rurais de Galicia -aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquial- unha experiencia práctica e profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo.

Díaz Mouteira explicou que a Xunta financiará o 100% dos contratos que realicen as entidades locais do rural galego, que terán que estar vinculados á realización de tarefas relacionadas coa xestión do monte e a prevención de incendios nas faixas secundarias.

Aprol Rural forma parte dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da ocupabilidade das persoas sen un posto laboral. Os traballadores e traballadoras que se contraten terán que estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).