Celébrase no Pazo dos Deportes Paco Paz os días 18 e 19 de abril.

VIII Torneo Internacional “Ourense a provincia termal”

As ximnastas da Selección Española participarán na VIII edición do Torneo Internacional “Ourense a provincia termal” que os días 18 e 19 de abril citará a máis de 1.000 deportistas de España e doutros países, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

O torneo comezará coa competición de nivel autonómico o xoves, 18 de abril, ás 8.45 horas. Pola tarde, será a quenda para as competicións de nivel autonómico e nacional, a partir das 15.45 horas. En total nesta primeira xornada participarán 800 ximnastas de clubs de España e de Portugal.

Ao día seguinte, o venres 19 de abril será o prato forte do torneo con aproximadamente 300 ximnastas de clubs de España, Portugal, Rusia, México e Arxentina. A sesión da mañá dará comezo ás 8.45 horas para as competicións de nivel nacional e internacional de equipos e absoluto e, pola tarde, a partir das 15.45 horas, serán as competicións de nivel nacional e internacional absoluto e sénior FIG, competirán ximnastas da Selección Española, do centro de alto rendemento de Moscú, así como deportistas de México e Arxentina. Como remate da xornada, ás 21 horas, celebrarase a gala coas ximnastas da selección españolas, de Rusia, do club e da Master Class que foran escollidas por sorteo.

Master Class
O sábado, 20 de abril, terá lugar unha Master Class a cargo de Yana Lukonina, adestradora da selección de Rusia no Centro de Preparación Olímpica de Moscú, a ela asistirán preto de 70 participantes. O evento será retransmitido en directo a través da canle de Youtube do Club Marusia.