Remata este venres na Tecnópole.

Investigadores noveis na Feira Galiciencia

Máis de 150 investigadores noveis participan na Feira Galiciencia que se desenvolve ata este mesmo venres (10 de maio) na Tecnópole, San Cibrao das Viñas.

Expóñense un total de 79 proxectos científicos e de innovación. A delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou , na súa visita, a importante contribución deste evento para “cultivar entre os escolares a creatividade e a orixinalidade” contribuíndo a espertar vocacións científicas e emprendedoras.

Coa saúde e os bos hábitos como tema principal, durante estes días pasáronse pola décimo cuarta edición de Galiciencia máis de 150 investigadores noveis procedentes de 43 centros educativos, a maior parte deles de Galicia pero tamén hai representación de Asturias, Andalucía e Cataluña. A feira conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).

Este venres, remata a feira coa entrega de premios. Ao acto acudirá o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen previamente fará un percorrido polo recinto.