Entrevista a Gerardo Seoane - PSOE Verín.

“Quero dotar as zonas comerciais de todos os servizos”

En que mellorou Verín nos últimos catro anos?
Gerardo Seoane: “No estado de ánimo xeral, consecuencia da mellora nas infraestruturas, nos servizos e na ampla oferta cultural. Verín é unha cidade máis humanizada, máis limpa e con máis posibilidades que fai catro anos. Creo que a xente puido comprobar que se están escoitando e resolvendo os seus problemas”.

Como definiría a situación actual de Verín?
G.S.: “Hai unha incerteza xerada polo descenso de poboación. Isto non é un problema localizado se non que é un mal endémico no rural. Actualmente, atopámonos nunha etapa de transición cara a unha economía moito máis asentada e máis equilibrada coa súa contorna”.

Cal é o principal problema que ten Verín?
G.S.: “Que viviu durante anos desconectada da súa contorna e dos seus propios recursos naturais. Nestes últimos catro anos puxemos os primeiros alicerces para que este cambio de rumbo se faga realidade no menor tempo posible”.

Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
G.S.: “Gustaríame implementar en Verín un centro de formación de novas tecnoloxías, informática e audiovisual para utilizar os nosos recursos cos medios máis modernos”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
G.S.: “Promover un novo parque empresarial que ofrecería unha solución a industrias auxiliares do sector vitivinícola. Crear dous novos balnearios, que neste momento son de propiedade municipal, para dotar á vila de dúas novas embotelladoras de auga, coa consecuente xeración de postos de traballo. Dotar a todas as zonas comerciais de todos os servizos necesarios para que sexan atractivos para os consumidores”.

Como definiría a lista do PSOE que vostede lidera?
G.S.: “É unha lista de continuidade. Creo que o que traballou ten que recoller os froitos, sexan os que sexan”.

Que pensa da irrupción de novas formacións?
G.S.: “Creo que en Verín practicamente non teñen transcendencia”.

Trala expericiencia de gobernar en coalición, pactaría novamente?
G.S.: “Si, Non me importaría repetir a actual coalición”.