Entrevista a Francisco Fumega - PSOE O Carballiño.

“Foi unha etapa positiva na consolidación dun modelo de xestión”

O candidato socialista fala dos catro anos que estivo no poder e do que falta por facer.

En que mellorou O Carballiño nos últimos catro anos?
Francisco Fumega: “Mellorouse na xestión económica, saldando a débeda arrastrada, e incrementando as inversións sobre un orzamento ordinario de preto de 10 millóns nun millón de euros co superávit obtido. Isto permitiu adquirir 35.000 m2 de chan para incrementar o patrimonio municipal, apoiar a instalación de empresas cunha política fiscal de custo cero, mellorar o saneamento, abastecemento, vías de comunicación e rede eléctrica. Melloramos as infraestruturas deportivas, culturais, naturais e a posta en valor do noso patrimonio. Foi unha etapa positiva na consolidación dun modelo de xestión.
Consolidamos a festa do pulpo e dinamizamos o verán carballiñés, o que potenciou o dinamismo do sector hostaleiro e comercial”.

Como definiría a situación actual?
F.F.: “Estamos nunha situación de partida positiva nunha provincia gravemente afectada pola crise demográfica. Somos un concello dinámico no eido industrial e terciario, cun potencial termal que se está pondo en valor e dispomos dunha situación loxística privilexiada no ámbito galego pola accesibilidade das redes de comunicación. Estamos no momento de dar un salto cualitativo, ampliando o polígono industrial e creando novos empregos. Este impulso debe ir acompañado dunha política de sustentabilidade no ordenamento do territorio, potenciando o viñedo nas parroquias acollidas á DO do Ribeiro e os usos agro-gandeiros e forestais nas demais.
É necesario integrar as parroquias limítrofes coa capitalidade, e mellorar as instalacións deportivas, culturais, educativas, administrativas e sanitarias”.

Cal é o principal problema?
F.F.: “O Carballiño tamén se resinte da crise do mundo rural, un modelo tradicional de ocupación que está nunha fase de desaparición, o que creará problemas serios de sustentabilidade e xestión co avance imparable da maleza e a perda de funcionalidade do espazo. Outro problema, cunha solución máis sinxela, é a falla de chan industrial para que poida seguir medrando o emprego”.

Cal seria a principal medida a levar a cabo?
F.F.: “Seguiremos adquirindo chan para xerar unha rede de espazos verdes, apostando por levar a cabo xestións naqueles chans residuais do interior das mazás de edificios que carecen de valor urbanístico para convertelos en parques. Promoveremos o termalismo, a gastronomía e as actividades festivas e culturais para potenciar o crecemento económico.
É necesario ampliar as instalacións deportivas existentes, mellorando os pavillóns dos centros educativos e creando novas instalacións no entorno do Paco Chao e da Uceira. E mellorar a biblioteca, a casa da cultura, o parque etnográfico do Arenteiro e o auditorio”.

Que propón para a dinamización económica?
F.F.: “A promoción do emprego con políticas activas de formación, programas de emprego e de orientación, bonificacións fiscais e captación de empresas. Continuará a aposta pola modernización das instalacións termais; e a potenciación de eventos gastronómicos, deportivos e culturais, que contribuirán a dinamizar a economía”.

Como definiría a renovada lista do PSOE?
F.F.: “É xente do Carballiño que quere que o seu pobo avance e progrese. Coñecemos os problemas dos veciños e tratamos de solventalos”.

E a irrupción de novas formacións, como Espazo Común?
F.F.: “O feito de presentarse sete candidaturas vai fragmentar o mapa político municipal. O resultado das eleccións preséntase complexo e penso que é necesario que a cidadanía valore os programas electorais e a posibilidade real das propostas”.

Pactaría para gobernar?
F.F.: “Traballaremos de xeito intenso para tratar de acadar unha maioría clara”.