Entrevista a Etelvino Blanco, candidato de Ourense Mellor.

“Queremos aprobar uns orzamentos participativos e sociais para Ourense”

O histórico sindicalista Etelvino Blanco despois dun tempo fóra da vida publica decide liderar a plataforma ourensá Ourense Mellor.

Como definiría a situación actual de Ourense?
Etelvino Blanco: “De parálise e desgoberno total. A cidade nunca estivo tan abandonada como nestes 4 anos. É realmente triste para os que lle queremos tanto a Ourense, ver como o comercio vai pechando, as rúas son pistas de obstáculos, os parques e xardíns parecen xunglas en lugar de espazos de lecer”.

Cal é o principal problema?
E.B.: “Son moitos que se foron acumulando porque os que nos gobernaron non fixeron máis que incrementalos en vez de solucionalos. Non temos planeamento urbanístico, ou queren aprobar un á medida das construtoras afíns ao PP; o noso termalismo está totalmente abandonado. En Ourense non hai traballo, a nosa mocidade ten que emigrar outra vez. Cada semana pecha un comercio na cidade, é realmente crítica a situación”.

Cal sería a principal medida a levar a cabo?
E.B.: “Temos un programa electoral dividido en dúas partes: unha de medidas urxentes a executar antes de rematar o ano, e outro bloque a executar nos 4 anos de mandato. Unha das medidas prioritarias é facer o que non fixo Jesús Vázquez, aprobar uns orzamentos participativos e sociais para Ourense. Outra é a implementación dun plan de choque contra a pobreza, para asegurar que todas as ourensás teñas as necesidades básicas cubertas. Tamén é urxente anular o PXOM do PP e aprobar un con exposición pública e participativo”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?

E.B.: “Unha delas é o plan de emprego municipal, co que pretendemos fomentar as axudas a fondo perdido para a contratación estable de colectivos en risco de exclusión social, a fundación Auria Inviste para financiar a baixo custo aos novos emprendedores, baixada do IBI e as taxas municipais para o comercio local”.

Como definiría a lista de Ourense Mellor?
E.B.: “Temos membros de diferentes plataformas e asociacións, xente nova que nunca participou en política e tamén con experiencia instituicional”.

Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos?
E.B.: “É lóxico que se as persoas non se senten representadas nos partidos actuais poidan propor unha alternativa. Paréceme unha riqueza democrática e unha oportunidade para a cidade”.

Con formacións como a vosa, Podemos e OUeC, non teme que se atomice o voto e se perdan concelleiros?
E.B.: “Non sabemos o que vai acontecer o 26M. Cada candidatura debe facer o seu traballo, darse a coñecer e tratar de trasladar as súas propostas á xente”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
E.B.: “Temos capacidade de diálogo, cada vez é máis necesaria, e nós aplicámola desde que nacemos. Despois das eleccións sentarémonos a falar con todos para poder facilitar un goberno progresista na cidade e non bloquear sistemáticamente calquera medida que sexa beneficiosa”.