Entrevista a Gonzalo Pérez Jácome, novo alcalde de Ourense.

Logo dun polémico pacto co PP, Gonzalo P. Jácome acadou a alcaldía sendo a terceira forza en votos. Promete cambiar a cidade e gobernar para todos.

Tras unhas semanas previas de negociacións derivadas da gobernabilidade tanto da cidade como da Deputación entre PP, PSOE e DO, ao final, foi este último, Democracia Orensana, pactando cos populares, quen acadou o bastón de mando da cidade. O seu lider, Gonzalo Jácome, sempre mantivo que pactaría co diaño para conseguir o ceo para Ourense e parece ser que non escolleu mellor frase para describir a realidade postelectoral. PP votou a Jácome como alcalde, sendo a terceira forza na cidade, e DO apoiará a Baltar na Deputación.
Xa pasado todo iso, o novo alcalde coméntanos como foron os seus primeiros días no cargo e as futuras decisións que tomará.

Facendo un símil co atletismo, que sabemos que lle gusta, isto foi unha carreira de fondo?
Gonzalo Jácome (G.J.): “Si, demasiado longa. Unha carreira de fondo e de obstáculos. Se o sei que vai durar tanto non me meto”.

Que opinión ten de todo este fenómeno socio-político que se xerou ao seu redor?
G.J.: “Unha casualidade que agardo que despois se traduza en cousas boas para Ourense. Son anécdotas e non ten moita importancia”.

Se ao diaño lle pedía o ceo, que lle pide a Baltar?
G.J.: “Básicamente o mesmo. Poder facer cousas para Ourense”.

E el a vostede?
G.J.: “Pediume viavilidade. Facer un goberno de estabilidade e poder traballar xuntos. Estabilidade nos dous gobernos, non só na Deputación”.

Unha vez nomeado alcalde, que foi o primeiro que lle dixo súa nai?
G.J.: “Primeiro pensou que era da aldea de onde é ela e dixo “que ben!”, pero cando soubo que era de Ourense dixo “ai, que tolo!”. Miña nai sempre foi excéptica nese senso”.

Como vai compatibilizar o goberno co teu traballo, co seu día a día?
G.J.: “Teño que pensar se collo a dedicación ou non, o 100% ou non. Estes días saberase”.

Segundo o dito: “De poeta, músico e tolo todos temos un pouco”, que ten vostede de cada un deles?
G.J.: “No de poeta gústame crear titulares. Da música gústame tocar, pero non son un fan. E de tolo supoño que todos temos un punto diverxente”.

Entendería que PP e PSOE pactasen para facerlle unha moción de censura?
G.J.: “Por coherencia politíca non creo que a fixeran. Se o fan, eles terán outros intereses”.

Cales van ser as primeiras medidas que vai tomar no Concello?
G.J.: “Primeiro designar as persoas que van ter postos de mando porque senón agora mesmo hai un vacío de poder”.

Xa ten nomes para as concellerías?
G.J.: “Aínda non porque non sei que concellerías ímos levar. Nestes días xa se saberá”.

PXOM, orzamentos… cando estarán aprobados?
G.J.: “O PXOM levará tempo por un tema burocrático da Xunta e hai que revisalo. E agardamos en outubro aprobar o orzamento do 2020. Témolo que facer”.

Como chegará DO a un acordo no PXOM co PP coas discrepancias anteriores?
G.J.: “Agora saben que o único camiño é chegar a un acordo. Antes era distinto”.

Cando poderemos gozar das escaleiras mecánicas?
G.J.: “Espero que antes dun ano estean todas feitas, serían uns oito elementos mecánicos en toda a cidade”.

Na Deputación seguirá denunciando as inxustizas que vexa?
G.J.: “A miña natureza non me permite facer outra cousa”.

Estando na Alcaldía, tamén estarás atento ao que aconteza na Deputación?
G.J.: “Como alcalde teño interese en que a Deputación invirta na cidade”.

Deixe unha mensaxe a todos os ourensáns.
G.J.: “Creo que vamos a conseguir mellorar Ourense. Ábrese un punto de inflexión, estabamos indo cara abaixo e iremos cara arriba”.