Entrevista a Francisco Fumega, alcalde do Carballiño.

“É necesario dialogar, os temas fundamentais débense tomar coa máxima unanimidade”

Francisco Fumega repite como alcalde do Carballiño e esta vez por maioría. Nestas pasadas eleccións municipais pasou de 3.641 votos (46,81%) con oito concelleiros a 4.045 votos (50,30%) e nove concelleiros. Pese á aparición do partido de Pachi Vázquez, Espazo Común, o líder do PSOE na vila do Arenteiro foi quen de acadar a ansiada maioría absoluta. Explícanos as razóns do éxito e o futuro á fronte do Concello.

Que valoración fai dos resultados das eleccións municipais?
Francisco Fumega (F.F.): “Quero transmitir un agradecemento enorme aos veciños que apostaron dun xeito claro pola candidatura que eu encabezaba”.

Dentro dos seus cálculos, contaba con chegar á maioría?
F.F.: “Para iso traballamos estes anos. As enquisas que íamos tendo dábannos preto da maioría e ao final produciuse o que pronosticaban, que nos daban entre sete e nove, e acadamos a parte máis alta desa franxa”.

A que cre que se debe ese aumento de votos?
F.F.: “Ao traballo destes catro anos. Estou convencido de que a campaña electoral vale para o que vale, pero ao final a xente valora o traballo feito durante a lexislatura. Eu penso que o valorou positivamente”.

Nalgún momento pensou que os problemas últimos pasarían factura nas urnas?
F.F.: “Non. Eu penso que a xente o tiña moi claro e así se viu no resultados destas eleccións municipais. Máis ou menos quedaron claras as cousas que eu dixen e as que me levaron a tomar esas decisións. Fun moi claro cando dixen que tiñan un movemento político en marcha”.

Como valoras os resultados dos outros partidos?
F.F.: “Penso que Espazo Común comeulle un pouquiño a todos, evidentemente. Trátase dun proxecto persoal como partido. Quitoulle ao Bloque, ao PP e a Alternativa Veciñal, igual que lle quitei eu. A baixada do BNG eu pronosticábaa, contaba que baixaran a un, porque se equivocou no tipo de oposición que fixo e o pobo valorou o que valorou”.

Como afronta estes catro anos en maioría?
F.F.: “Co mesmo talante. Penso que é necesario dialogar, que os temas fundamentais se deben tomar en conxunto ou coa máxima unanimidade da corporación. Eu continúo nesa liña. Tamén dicir que agora o afrontas con máis tranquilidade. Non é o mesmo aprobar un orzamento antes de que remate o ano e comezar a executalo a principios de ano que negocialo e aprobalo en xuño ou xullo. Sempre ías un pouquiño a remolque do que era o orzamento preciso para principios de ano”.

Cales son os obxectivos principais para estes catro anos?
F.F.: “Os obxectivos fundamentais é aumentar o polígono industrial como sexa. É necesario crear chan industrial porque en Carballiño non o hai e hai que crealo onde sexa. Cara Maside é onde o crecemento é máis factible. Outras obras é a praza dos Catro Camiños, xa de demos un espazo fundamental para un dos barrios máis dinámicos de Carballiño. Cubrir a zona do tren que xa estamos en contacto co Ministerio de Fomento e asinar ese convenio tan necesario para comezar canto antes. Seguir mellorando todas as infraestruturas viarias, deportivas e de todo tipo”.

Saca algunha lección do mandato anterior?
F.F.: “Fundamentalmente, a experiencia de como funciona a burocracia. Pensa que no mandato anterior houbo moita innovación, xa sei que a penas se ve, pero a nova lei de contratación é un auténtico reto para moitos municipios, nalgúns moi pequenos resulta imposible implementala. Modernizamos o Concello coa firma electrónica e, practicamente, o papel desapareceu. Costaron, pero creo que unha vez implantadas melloran a xestión municipal”.

Desde a distancia, como ve toda a polémica que se creou arredor da Deputación e da cidade de Ourense tralas eleccións?
F.F.: “Eu penso que en política hai que falar o xusto para non tragar sapos. É o que deduzo eu de todo iso. Despois de oir o que din uns de outros e outros dun, pois xa ves, agora chegan a pactos. Din que a política é o arte do imposible e, como se comprobou neste caso, demostrouse que así é”.