Entrevista a Elvira Lama, nova alcaldesa socialista de Xinzo de Limia.

“Este goberno vai cambiar Xinzo para sempre. Diso si estou segura”

Xa desde a noite electoral Elvira Lama tiña claro que habería un cambio en Xinzo. Lama responde ás nosas preguntas despois dun mes como primeira alcaldesa socialista da vila de Xinzo na súa historia e lograr pór de acordo a outros tres partidos e formar un cuatripartito. Fainos un relato das negociacións, así como das súas primeiras decisións como alcaldesa.

A noite electoral pensou que sería posible optar a alcaldía?
Elvira Lama (E.L.): “O único que pensei foi que non lle podiamos fallar aos veciños e veciñas (3.850) que maioritariamente votaron a favor dun cambio de goberno en Xinzo. O resultado só admitía dúas opcións: ou era eu alcaldesa formando goberno cas forzas progresistas que se presentaron ás eleccións ou seguiría gobernando o PP. Así que esa mesma noite tomei unha decisión: responsabilizarme persoal e politicamente de facer posible o cambio, negociando cos outros tres partidos con tanta firmeza como xenerosidade. Hoxe podemos dicir que temos un goberno de catro partidos, é certo, pero tamén que Xinzo ten o goberno máis cohesionado dos últimos 16 anos”.

Como foron as negociacións co resto de partidos?
E.L: “Non vou dicir que foran doadas, pois posiblemente era a negociación máis difícil á que nos enfrontabamos como partido en toda a provincia, pois había que poñer de acordo a 4 partidos. Pero o importante é que chegamos a un acordo bo para Xinzo, que lle dará estabilidade e un bo goberno. Todos puxemos moito da nosa parte, pero sobre todo cordialidade, talante, xenerosidade, responsabilidade e compromiso con este pobo”.

Hai xente que pensa que un cuatripartito non vai durar, que lle diría para convencela do contrario?
E.L: “Este goberno vai cambiar Xinzo para sempre. Diso si estou segura. Despois serán os veciños e veciñas os que decidan si dura ou non co seu voto. Nós imos traballar na resolución dos seus problemas, como estamos a facer estes días coa limpeza de toda a vila, vamos a escoitar, acordar, propoñer e sobre todo cumprir. Todos os integrantes do grupo de goberno temos esa disposición. Iso é o realmente importante, o que esperan as veciñas e veciños de nós e o que nós estamos en condicións de garantir. Estou convencida de que non daremos, nin na rúa ni nos xulgados, os espectáculos do anterior goberno, con 3 alcaldes nunha lexislatura e un deles inhabilitado”.

Nos poucos días que leva á fronte do consistorio, sorprendeulle algo?
E.L: “Como mínimo, unha cada día. Hoxe mesmo acaba de entrar por primeira vez na Alcaldía un empresario desta vila que ten dende fai anos unha relación contractual co Concello. Como é posible? O Concello non pode ser un búnker. En positivo, sorprendeume a implicación dos traballadores e traballadoras municipais dende o primeiro minuto e pese a que as súas condicións de traballo non eran as desexables. Pero iso tamén vai cambiar. Creo que a súa predisposición e motivación son fundamentais para poñer en marcha esta vila e cambiala para sempre. Podería seguir, porque xa digo, unha sorpresa cada día, pero non acabaría nunca pese a levar so tres semanas na Alcaldía”.

Cales serán as medidas que quere poñer en marcha inmediatamente?
E.L: “Agora mesmo estamos cun Plan Integral de Limpeza Urbana, que fomos capaces de poñer en marcha en apenas 20 días e en véspera das festas patronais. Queremos que Xinzo mude a cara e volva ter espazos limpos, coidados e agradables para os residentes e para os visitantes. Estamos facendo tarefas de limpeza e desbroce nos pobos do rural, limpando accesos e o interior dos núcleos, priorizando aqueles que teñen festas parroquiais. Estamos reparando prazas e espazos de lecer coa brigada de obras e reformando parques e xardíns coa de medio ambiente. Non temos orzamentos aprobados e, pese ás mentiras que contan os que se foron, a realidade é que apenas temos recursos para rematar o medio ano que queda”.

E cales son os proxectos máis destacados para estes catro anos?
E.L: “Antes falaba do urxente, pero non me esquecerei do importante, que é o que nos vai a permitir cambiar para sempre esta vila e mellorar a calidade de vida dos que vivimos nela. Poñeremos en marcha un Plan de Emprego Local para fixar poboación; priorizaremos a atención aos colectivos máis vulnerables, a Lei de dependencia; construiremos un xeriátrico público, impulsaremos un centro comercial aberto para que o sector servizos medre a non se pechen negocios; negociaremos coas industrias agroalimentarias para que se poida transformar en Xinzo gran parte do que producimos; dotaremos á vila dun auditorio para poder ter unha verdadeira programación cultural todo o ano; colaboraremos estreitamente en materia económica, cultural, turística… cos concellos de Chaves e Montalegre. Temos un montón de proxectos sobre a mesa cun único obxectivo: que Xinzo sexa a vila máis puxante da provincia, porque a realidade que nos legou o anterior goberno é a dunha vila que por primeira vez en moitos anos baixou dos 10.000 habitantes”.

Cal é a súa opinión sobre o acontecido na cidade de Ourense e na Deputación?
E.L: “Igual que digo que en Xinzo fomos capaces de aproveitar unha oportunidade histórica, interpretando e materializando un cambio desexado pola maioría dos e das cidadás, en Ourense coido que perdemos esa mesma oportunidade que nos brindou en ambos casos o resultado das eleccións municipais. A diferencia estivo en que mentres en Xinzo negociamos desde a responsabilidade e o compromiso coa vila, en Ourense houbo dous partidos aos que lles valía todo para manter o sillón ou chegar a el. A inmoralidade de PP e Democracia Ourensana non tivo límites”.