Entrevista a Miguel Anxo Fernández, coordinador do OUFF

“Propoñemos o tema social de ir ver unha peli en pantalla grande”

En marcha durante esta semana o 24º Festival Internacional de Cine de Ourense.

Miguel Anxo Fernández colleu, como coordinador artístico, as rendas do Festival de Cine de Ourense desde o ano pasada. Nesta edición contaron con algo máis de tempo e de orzamento para facer un festival o máis completo posible.

Segundo ano que colledes as rendas do OUFF.
Miguel Anxo Fernández: “O ano pasado fíxose todo moi rápido, tivemos que collelo para salvalo, para evitar que desaparecera. Os festivais de cine se rompen a continuidade é moi difícil despois recuperalos. A nós -Fundación Carlos Velo- chámannos da Deputación e creamos un equipo de urxencia. Ese equipo, formado o ano pasado, neste tivo un pouco máis de tempo e de apoio económico, non excesivo pero si che permitía traballar con tempo en cousas como por exemplo conseguir facer a homenaxe a Vaca Films que para pechar datas con eles é complicado, o mesmo que co actor internacional José García.
“Ademais, incrementamos as pantallas case duplicándoas con respecto ao ano pasado. Imos, tamén, case duplicar o número de películas”.

Hai un bo nivel na sección oficial.
M.A.F.: “O Festival de Ourense é o único de Galicia que é competitivo en longametraxes. Así que os premios que dá sitúano entre os ou seis sete festivais de España. Iso anima moito a presentarse, polo que o nivel de calidade é medio alto. Estamos contentos”.

As datas varían con respecto ao ano pasado.
M.A.F.: “A nós o que nos preocupa é que sobre todo Ourense ten que salvar o festival. Se o deixas morrer chegará outra cidade galega e o collerá. Guste o cine ou non guste, defende o teu!”.

Con que se atopará o espectador?
M.A.F.: “Vaise atopar con moita variedade, participan máis de 20 países. Propoñemos o tema social de ir ver unha peli en pantalla grande. Pero ademais hai tres exposicións, tres publicacións. Así que haberá para todo o mundo”.

E unha homenaxe a Vaca Films máis que merecida.
M.A.F.: “Nos últimos 15 anos produciu 20 longametraxes. Neste momento está entre as sete produtoras de España. O éxito que tivo con “Celda 211” catapultouna. E a última “Quién a hierro mata” estou seguro que se meterá na carreira dos próximos Goya. A homenaxe a Vaca non só é merecido senón que estaba pendente. Xa era hora que se recoñecera e Ourense é o marco perfecto para facelo”.

Como ves o cinema galego?
M.A.F.: “Creo que está moi ben. Pensa na película de Oliver Laxe premiada en Cannes (“O que arde”, Premio do Xurado); a Eloy Enciso (premio ao mellor director no Festival de Locarno por “Longa Noite”), a propia “Quien a hierro mata”. Tres longrametraxes distintas que falan da diversidade das propostas”.