Entrevista a María Dolores Sánchez González, subdirectora de Procesos de Área de Enfermaría da EOXI de Ourense.

“Faría un chamamento especial -para que se vacinen- á poboación de entre 60 e 75 anos”

Ata o 27 de decembro, o Sergas ten posto en marcha a campaña de vacinación contra a gripe. Na provincia hai 190 puntos de vacinación.

Galicia xa ten en marcha a campaña de vacinación contra a gripe para este ano 2019. Loli Sánchez, subdirectora de P.A. de Enfermaría da EOXI de Ourense, danos as claves sobre a campaña e a importancia de vacinarse. Na provincia de Ourense hai 190 puntos para facelo.

Falanos da campaña contra a gripe que ten lugar en Galicia.
María Dolores Sánchez (M.D.S.): “Está claro que a gripe é unha enfermidade que cando a contraen persoas que teñen patoloxías pode levar a complicacións moi graves. Vacinandose poden evitar, non só a gripe, senón as mesmas complicacións. De aí o positivo de vacinarse. A vacinación está ao alcance de todos; as administración fan un esforzo cada ano para achegala á poboación pensando en previr a gripe e as complicacións das persoas máis vulnerables”.

Sobre todo hai que incidir nas persoas con máis risco.
M.D.S.: “Canta máis xente ao redor desas persoas estean protexidas menos posiblidade ten de contaxio. Non só é importante que se vacinen persoa de risco, é moi importante que os que conviven con elas tamén se vacinen para que teña menos posibilidades de contaxiarse”.

Cal é o período que está en vigor a campaña?
M.D.S.: “Para a poboación, desde o 14 de outubro e manterase ata o 27 de decembro. Son 11 semanas e é aconsellable acudir con cita, xa que non é urxente nin precisa presa”.

Que hai que facer para vacinarse?
M.D.S.: “Pedir cita no seu centro de saúde coa enfermeira de referencia”.

Cantas vacinas queredes administrar este ano?
M.D.S.: “Para acadar os obxectivos de cobertura en Ourense habería que adminstrar algo máis de 70.000 doses”.

Que ocorrería se non houbera a vacina ou as persoas de risco non se vacinaran?
M.D.S.: “O ano pasado a metade dos ingresados -pola gripe- con factores de risco estaban sen vacinar, se o estiveran, o número de ingresos, complicacións e falecementos -o ano pasado rexistráronse 14 defuncións- baixaría significativamente”.

Entón facemos un chamamento para que as persoa en risco se vacinen?.
M.D.S.: “A vacinas son virus inactivados; hai o falso mito de que pode provocar a enfermidade: non é verdade. Pode dar lixeiros síntomas nalgunha persoa que sexa moi susceptible pero é segura, lévase administrando moitos anos, así que hai que acudir con toda confianza”.
>> “Faría un chamamento especial á poboación de entre 60 e 75 anos, vense mozos e non se dan conta que son persoal de risco e si que están metidos dentro da campaña, por que aínda que son xóvenes poden adquirir, coa vacina, unha protección a maiores”.