Desde a Ponte... a Monterrei!!!

Verín, tesouros agochados!

Agrádame que os amigos de verdade non teñan reparos en espetarme, sen ningún complexo, o que lles peta, opinando sobre os meus escritos aquí, neste xornal milagroso que sobrevive aos golpes da crise. Coinciden moitos en que son demasiado patriota do meu pobo, un nostálxico anticuado, que non vexo mais alá que Verín. Coitados, están no certo, mais esas afiadas e cariñosas verbas non fan dano algún ao meu espírito, nin sequera me extremecen no interior. Como non vou querer se é a nai de todos nós, unha vila noble e señorial, antiga e desgastada, que acouga paciente, do traxín vivido ao longo dos séculos, ollando batallas de principio a fin.

No cumio, en Monterrei, xurdiron os tesouros máis fermosos dun patrimonio único que atraeu a moitos para pisar estas terras. Aquí prendeu a lenda de Viriato, o caudillo da gran resistencia a Roma, que no escudo da vila quedou plasmado co nome de Viriatus. Outros, como o Rei Fernando o Católico, que aposentou no Pazo do Conde de Monterrei, cando ía camiño da Coruña para embarcar cara a Inglaterrra. Don Pedro, Rei de Castela, que unha noite de luxuria seduciu á condesa, sendo sorprendidos no seu pecado e provocando a fuxida da adúltera dama, que como penitencia, emprendeu peregrinación á Terra Santa. Tirso de Molina, fraile mercedario, acollido por un tempo no emblemático convento de Verín, o cal conta cun claustro máxico, unha xoia arquitectónica do século XVIII, onde posiblemente, xurdiron as estrofas dunha dramaturxia cómica de enredo, que puidera ser reflexo do noso entroido. Santiago Ramón y Cajal, premio Nobel de fisioloxía e mediciña estivo no Gran Hotel de Cabreiroá, deixando constancia por escrito do seu encanto por esta terra, como tamén o fixo Isabel de Borbón y Borbón, coñecida como “La Chata”, Infanta de España, Princesa de Asturias e Condesa de Girgenti, filla da Reina Isabel II, entre outros moitos personaxes historicos e célebres, que por aquí pasaron.

Esta vila non é só un montón de ladrillos e tellas, aquí as pedras falan e marcan un camiño que xamais deberiamos esquecer. Xurdiu tamén aquí, nestes lares, a primeira imprenta de Galicia en 1492, onde se imprimiu outro tesouro máis: “O Misal Auriense”, impreso en pergamino, peza única creada en Monterrei, arrincada do seu berce e custodiada na catedral de Ourense dende fai seis séculos. Tamen baixou de Monterrei o Cristo das Batallas, fermosa escultura dun Cristo agonizante, de autor descoñecido, que presidiu a capela do convento xesuita séculos atrás, e agora ilumina a bóveda da igrexa parroquial Santa María A Maior. Por certo, igrexa coa fachada principal oculta, e que moitos de nós aínda non poidemos ollar. Outro tesouro en decadencia son as casiñas blasonadas con pórticos monumentais e escalinatas de anchos pasamáns, con escudos heráldicos, que silenciosos relatan a nosa historia, con sinais de identidade inconfundibles. Un berro agonizante escoitase de fondo, a vila reclama axuda. A historia dun pobo vai de dentro cara a fóra, porque no corazón está o inicio de todo. Colgando das fachadas antigas e virtuosas aínda se conservan algúns dos blasóns heráldicos das distintas familias, resistindo inmutables o castigo imparable do tempo. Quizais pasedes por baixo deles, e non vos percatedes da sobria elegancia de algo propio. Neles están os mitos e as lendas. Os roeles dos Castros, as lousas e os lagartos dos Losadas, as follas de figueira dos Figueroas, espadas entre roeis dos Feijoos, os páxaros picoteando no saleiro dos Salgados, as estrelas dos Fonsecas, as táboas dos Taboadas, os escaques dos Ulloas, lobos e acebos dos Acebedos, ilustres apelidos galegos que perduran ao longo dos séculos.

Nas rúas do Verín antigo pálpase aínda o orgullo e a fidalguía dunha vila noble, marcada por unha incrible historia real, que con infinito agarimo e refinada intelixencia urxe que por parte dos nosos representantes comencen a ter en conta todos estes agasallos que temos agochados, para que poidan ser ollados e valorados por veciños e visitantes, e que se percaten que Verín, cidade en tempos amurallada e de portazgo, ten cousiñas sinxelas, que cun pouco de esforzo, poderían formar parte, xunto cos balnearios, dunha ruta turística atractiva e fermosa.

Miguel A. Prieto “Chitín”