Entrevista aos artífices da Revista INviable

«A revista aparece para tentar dar unha voz común ás voces illadas da cultura galega»

A revista chega da man da Xeración Illada: “francotiradores”, procedentes de todos os eidos da nosa cultura actual. Francisco Javier Fontenla, Eladio Medel e Jorge Emilio Bóveda constitúen a cabeza da Revista Inviable. Falamos co último deles para que nos achegue que é e quen conforma Inviable e a Xeración Illada.

Como xorde a revista Inviable e por que ese nome?
Revista INviable: «A revista aparece para tentar dar unha voz común ás voces illadas da cultura galega e o seu nome alude ao carácter do proxecto, cuxo romanticismo semella (pero non é) algo anacrónico e “inviable” nestes tempos tan “malos para a lírica” pero bos para a lectura, o estudio e a instrospección.

Onde se pode ler e cada canto tempo sae un novo número?
R.I.: «Pódese ler en liña dende a plataforma Flipsnack https://www.flipsnack.com/revistainviable/ ou descargala en formato PDF dende a páxina web www.revistainviable.gal e cada mes sae un novo exemplar».

Que atopamos nas súas páxinas?
R.I.: «Aí atopamos ensaio, narrativa breve, poesía, biografías de ourensáns e ourensás ilustres, cinema, historia, banda deseñada, música, humor, deseño…».

Detrás de Inviable está a Xeración Illada, que é e quen forma parte desta Xeración?
R.I.: «A Xeración Illada inclúe toda clase de “francotiradores” -valga a palabra-, procedentes de todos os eidos da nosa cultura actual (escritores, docentes, científicos, investigadores, artistas, músicos…). Constituímos unha asociación chamada Asociación Xeración Illada da Revista Inviable na que ao día de hoxe somos catorce asociados e estamos abertos a novos socios a través da nosa páxina web www.revistainviable.gal«.
>>»En xeral, somos persoas da Auria e arredores (toda Galicia) que practicamos a escrita, o saber, o coñecemento, o cultivo do inútil e agora tentamos crear unha “conta común” baseada na colaboración. Ademáis dos socios, que son entre outros, Ramón Caride, Xerardo Méndez, Xosé M. Pacho ou Carlos Rego, abrimos o espazo a colaboradoras de toda Galicia, podendo dicir que xa aportaron ao noso proxecto escritoras como Francisco Álvarez Koki, Emma Pedreira, Ramón Nicolás, María Canosa ou Diego Ameixeiras entre moitístimos outros».

Tomades como exemplo aos Risco, Pedrayo, Cuevillas, Losada da Xeración Nós?
R.I.: «Por suposto, a Xeración Nós é un referente ineludible para a nosa cultura e, salvando as distancias, tamén para o noso proxecto, inda que temos moi en conta que os tempos, os medios, os espazos e o persoal humano son moi distintos en ambas épocas e tampouco entra na nosa idea converternos nuns idealistas porque si. Queremos traballar arreo coa distancia axeitada».
Hai cen anos, como dicides no voso manifesto, a Xeración Nós estaba na vangarda porque por esa mesma data xorde o Surrealismo. Neste inicio de século para estar na vangarda hai que estar na rede de redes. Credes que se perde romanticismo con respecto á literatura, filosofía e outras correntes culturais?
J.B.: «Pensamos que as nosas inquedanzas culturais son compatibles coas novas tecnoloxías, o tempo dirá se estamos no certo. Polo de agora estamos moi esperanzados nese sentido e traballamos a reo sen ter a vista posta nos resultados». Queremos ser existentes e resilientes e defender unha cultura que, ao noso parecer, está en perigo de extinción.

O que está claro é que hai una diferenza enorme para contactar, literariamente falando, que é o contexto no que se crea a Inviable, coa xente hoxe que hai cen anos. Cales son as súas vantaxes e os seus inconvintes?
R.I.: «A principal vantaxe é un maior potencial de difusión e a maior alfabetización da sociedade (inda que isto último non signifique moito). A principal desvantaxe, ou mellor dito obstáculo a superar, é o traballo de adaptar o noso proxecto ao código complexo e cambiante da época actual de bombardeo masivo de información e oferta inabarcable de contidos».

SOURCE: Revista Inviable