O concello mantén a tendencia á baixa nos índices de criminalidade.

O subdelegado do Goberno destaca o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados en Barbadás

A Xunta Local de Seguridade de Barbadás realizouse de forma telemática entre o Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alalcade de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel. No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno destacou o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados.

No concello de Barbadás os datos de delincuencia amosan un descenso das infraccións penais en termos xerais, aínda que se observa un lixeiro incremento dos delitos graves e menos graves contra o patrimonio. Emilio González manifestou que este segue a ser “un concello seguro no que todas as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade”.
Son nove os casos activos no sistema VioGén (un presenta risco baixo e oito risco non apreciado). En sete casos cóntase con medidas de prohibición de aproximación e comunicación e un deles conta con medidas de prohibición de aproximación.

Como outro dos puntos da orde do día estableceuse a activación do Plan Estratéxico de resposta policial ao consumo e tráfico de drogas minorista en zonas, lugares e locais de ocio, a través do cal as forzas e corpos de seguridade desenvolverán actuacións para previr e reducir a oferta de drogas aos consumidores, especialmente entre a mocidade, así como previr a condución de vehículos a motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas.

Así mesmo, sinalouse o mantemento dos dispositivos de vixilancia por parte da Garda Civil e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

SOURCE: Xunta Local Seguridade Barbadás