Desde a Ponte... a Monterrei

Corazón de madeira

Confeso abertamente e con pena, que non é a primeira vez que tento subir este porto de especial categoría sen éxito. Quixen facelo moitas veces, pero as bágoas sempre fixeron que pousara os pes no chan antes de rematalo. Cicais o tempo aínda non tiña cicatrizado o meu sentimento. Hoxe, con algo máis de coroza nas entrañas, subo con agallas na bicicleta de Geri, mestura de maxia e arte, co único obxectivo de chegar a meta. As veces, visito o taller de Vilela.

Alí, sempre me acollen con agarimo. O portón da nave está aberto, e a inercia lévanos coma levitando cara o interior. Nada mais entrar, xa se nota a súa presencia. O espírito de Geri camiña con nos paseniño polos recunchos. No maxín teño un sorriso infinito, que brota dunha faciana doce e clara. Entre virutas e cheiriño a barniz, escoito as verbas entrecortadas do seu pai. Anécdotas, ilusións, proxectos, todo envolto nunha profunda melancolía que aparece sen tapuxos. A pesares de todo, estamos felices, porque aquel sorriso debuxado en calquera solpor, é coma se fose un quérote, que provoca o calofrío na alma.

O bisavó Agustín, xa fixera unha bicicleta de madeira cen anos atrás. Unha máquina sinxela con rodas de esparto trenzado. Un visionario, que deixou sen darse conta, unha herdanza extraordinaria. Geri colleu a idea, e puxo en marcha un proxecto emprendedor que sen dúbida sorprendeu o mundo “Cyclowood”. Con axuda do seu pai, ebanista con alma de artista, escomenzou a deseñar bicicletas coa madeira do fresno, deixando patente a súa inmensa creatividade, así como a ledicia por levar adiante, un oficio, que dende neno mamou no seu fogar.
Unha tarde, no bar Chaves de Verín, conversamos sobre o Entroido que estaba a piques de chegar. Falando da festa máis grande da nosa vila, de súpeto, encheuse de luz a súa mirada. Xurdiu despois a conversa das bicicletas, esa ilusión desorbitada que facía que o bo humor que posuía se alongara eternamente. Pregunteille polo proxecto, e con sutileza contoume tódolos detalles, de maneira sinxela e sen presunción. “É como si fora unha subida a un porto de especial categoría”, espetoume soltando unha carcallada inmensa. “Primeiro hai que alimentarse ben, ter boa estratexia e logo dalo todo o final para chegar a meta”.

Xa son catro anos, dende a súa partida. Estaba na metade da subida, cheo de forza e con vento a favor nunha escapada extraordinaria. Un porto con desnivel máximo, só apto para valentes. A vida puxo no seu andar un obstáculo inesperado, deixando todo nunha desesperante situación de impotencia irremediable. Geri non tivo tempo de chegar á cima. A providencia e o destino arrincoulle esa meta divina que tiña cravada na mirada. Pero aquí estamos nós, os colegas e amigos, para lembralo eternamente, e dar folgos a Xerardo, Luisa e Fran, para que cada día estean no máis alto do podium, e con orgullo, poidan enfundarlle o maillot de líder, coma sempre foi para todos nós, un simpático e apreciado líder, que sen apenas esforzo, sabía facer que os do seu redor tiveran máis preto a felicidade.

Querido Geri, coido que hoxe, non foi doado para min escribir estas letras, mais por fin logrei subir a cima deste maldito porto que tanto me fixo sufrir. Mereceu a pena chegar ata aquí, o máis alto, aínda que so sexa para estar o teu carón, e así poidas escoitar mellor o noso berro aos catro ventos, a meta estaba no ceo, Geri, a meta estaba no ceo. Unha aperta amigo!

Miguel A. Prieto “Chitin”

SOURCE: Corazón, madeira, Chitín, Geri, Ponte, Monterrei