Desde a Ponte... a Monterrei

Lección de Entroido, a banda do paraugas do Xosé

Ás veces acontecen situacións que nin os mais cualificados estudosos dos entroidos enxebres e ancestrais poden entender. Aquel ano, en Verín, estivemos no outro lado da comedia, coma se sole dicir: de miranda. Démonos conta, que para lucir un disfraz, cómpre algo mais que arte entroideiro. Compren gañas, moito humor e sobre de todo sentimento. Non fomos quen de meternos no entroido. De súpeto rexeitamos o envite da algarabía, e sen darnos conta fuximos do bulicio covardemente e sen remordementos. A parodia estaba preparada para asaltar as rúas do barrio vello, onde de cativos corrimos o entroido apaixonadamente. Desta vez, a comedia ficou sen estrear.

Foi entón, cando adoptamos a tarefa máis doada do entroido, mirar. Ollamos dende fóra coma os demais gozaban do mais grande da festa, a catarse colectiva. As parodias, o enxeño, as gañas de entroidar. Buscamos daquela algo que nos removera as entrañas, que nos quedara para sempre na retina, algo que nos fixera sentir o de aquí, e sen dúbida topámolo sen esforzo.
Non podían ser outros, máis que os vellos entroideiros, os que nos deran a lección, eses que non cumpren anos, senón entroidos.

De súpeto apareceron os homes do carriño. Un detalle de entroido puro. Un intre máxico rebosante de carnaval, coma os de antes. “O carriño dos Fariñas”, artiluxio caseiro cheo de vida e de entroidos, deu que falar. Agasallaron a concorrencia cun anaco de xolda enxebre improvisada.

Cachucha, lacón e viño de Monterrei para ir entoando. Alí mesmo, e coa colaboración dalgún membro da lembrada “Murga do grelo”, mostraron con orgullo como se debe exercer a afinación do exquisito e nobre gusto polo cante.
Os Fariñas, dirixidos polo infatigable almirante Luís, e os seus irmáns Pepe “Labaila” e Chemanel, xunto con Viruca, Caridad, Gloria, José González Lolo, Toñita, Ángel, Lolita, Malandro, Angelita, Licho, os irmáns Limia, Moncho, Rosita, Menta e «Tufin» entre outros entroideiros do barrio de San Lázaro, crearon escenas inesquecibles coa entrañable e sempre lembrada comparsa “A banda do Xosé” , que con letras de ouro, quedarán gravadas na historia do noso entroido, non só pola magnífica posta en escena da pandilla senón tamén, polo xeito de interpretar as cancións que tanto nos gustan aos que amamos esta festa.

Deles, aprendimos a lección. Non deberíamos deixar pasar un entroido máis. Cumpriremos a penitencia! Seguiremos alimentando con corrente continua a nosa paixón, coma fixeron os Fariñas co carriño e coa banda do Xosé, amosando ano tras ano, que cumprir entroidos non é atranco para ser triunfadores unha vez máis destas fermosas batallas. Días atrás, aconteceu a mala nova do pasamento de Clementina Pérez, coñecida na vila por “Menta” do bar cubano, muller sinxela e traballadora, entroideira apaixonada e de beleza singular.

Quixen sacar do arquivo estas letras escritas hai case unha década, e facer pequeno homenaxe a toda a comparsa da banda do Xosé, entroideiros con sapiencia e solera.
Para os que están, e para os que xa se foron, van adicadas estas letras. Sempre estarán con nós nas lembranzas. Unha aperta para Pepe “Labaila” nestes momentos tristes e dolorosos. Boa viaxe Menta; ata sempre entroideira, e que viva o Entroido de Verín!

Miguel A. Prieto “Chitin”

SOURCE: Lección de Entroido, a banda do paraugas do Xosé