O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o de Sandiás.

A Xunta actuará en 28 albergues de peregrinos ata final de ano

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou, acompañado do alcalde, Felipe Traveso, as obras de accesibilidade que están a piques de rematar no albergue de peregrinos de Sandiás, dentro do Plan de obras e melloras na Rede pública de albergues para peregrinos que se están a executar este ano, no marco do Plan director do Camiño de Santiago que remata este ano e que conta, entre as súas liñas estratéxicas, coa da conservación e mantemento de todas as infraestruturas asociadas ao Camiño, tamén as de acollida.

Con este obxectivo levaranse a cabo ata finais de ano actuacións en 28 albergues públicos por importe de 2,4 millóns de euros que permitirán mellorar as condicións de confort dos usuarios, a accesibilidade e eficiencia enerxética nos edificios, a mellora ambiental e a conservación do patrimonio galego. A Vía da Prata será o segundo itinerario con maior número de actuacións, con obras en cinco albergues (Ourense, Sandiás, Vilar de Barrio, Xinzo e Xunqueira de Ambía) que suporán un investimento en melloras de 90.000 euros.

Neste senso, no albergue de Sandiás estase a mellorar os pavimentos dos baños, a aplicación de esmalte dos compoñentes na carpintería de madeira interior, a colocación de zócalos de aluminio e topes na carpintería de madeira interior e adaptación de baño accesible e a instalación de alarma.

Gabriel Alén considera que o traballo da Xunta para contar cun Camiño Seguro con tódolos trazados acondicionados e melloras nos albergues permitiu a súa reactivación neste Xacobeo 21-22 coa chegada de máis de 150.000 peregrinos no que vai de ano.

Tamén destacou o representante do Goberno galego a aplicación de tódolos protocolos anticovid para garantir a seguridade e a aposta da Xunta por “reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e cun Camiño Seguro” con medidas pioneiras como o seguro coronavirus, que cubre os gastos sanitarios e de aloxamento derivados da posible situación de infección por covid-19. “Os peregrinos que fan o Camiño poden ter claro que é unha experiencia segura”, sinala.

Por outra parte, o Goberno galego vén traballando en consenso co sector no protocolo para seguir incrementando a capacidade dos albergues, actualmente no 75%, se a evolución epidemiolóxica segue a ser favorable, xunto coa posta en marcha dun manual de boas prácticas que se sumará ás medidas que xa están vixentes nos albergues para dar seguridade tanto aos peregrinos como aos albergueiros.

Plan de Albergues 2019-2021
Este proxecto súmase ás actuacións que a Xunta está a levar a cabo no marco do Plan de Albergues 2019-2021, dotado con 7 millóns de euros, e que inclúe a ampliación da rede pública con 8 novas infraestruturas de acollida para os peregrinos co obxectivo de contar ao longo deste Xacobeo 21-22 con 78 albergues.

Tamén inclúe reformas e rehabilitacións nos xa existentes co obxectivo de contar con instalacións acondicionadas para a estadía dos peregrinos. Con este Plan, o Goberno galego avanza no seu compromiso de velar por unha óptima experiencia dos camiñantes, dotándoos de mellores infraestruturas e servizos.

SOURCE: Albergues de Peregrinos