Entrevista a Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense

Coñecemos un pouco máis de preto ao que fora concelleiro e alcalde de Cenlle, deputado autonómico e agora o máximo responsable do Goberno galego en Ourense.

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, cítanos cedo no seu despacho. O ex alcalde de Cenlle contaranos nesta entrevista as súas impresións desde que leva ocupando este cargo, ademais dos proxectos máis destacados do ente autonómico na provincia.

Faga unha valoración a título persoal como delegado da Xunta en Ourense.
Gabriel Alén: “É un periodo marcado pola pandemia, pero que está a ser dun ritmo frenético a nivel lexislativo. Vindo como veño de ser alcalde -de Cenlle-; coñecendo como pensan os alcaldes e tendo contacto agora coas diferentes consellerías da Xunta, pois a verdade é que é un labor moi gratificante”.

Fala de actividade frenética, como é para vostede o día a día?
G.A.: “O primeiro é estar á actualidade coa prensa a primeira hora da mañá. Despois fago unha revisión co equipo de traballo do que é a axenda e desenvolvoa. Tamén é moi importante a coordinación entre as distintas xefaturas territoriais solucionando problemas que moitas veces non chegan á prensa. Traballo nun proxecto no que creo, que é fundamental para ter a enerxía no día a día e estar coa máxima atención”.

Que supuxo para vostede o cambio de alcalde de Cenlle a delegado da Xunta?
G.A.: “Como alcalde estás en contacto directo cos veciños e como delegado estás máis en contacto directo cos alcaldes, que son o fío condutor das vontades dos veciños. Polo tanto, son postos similares en canto a que hai que estar moi desperto, atento ao que acontece no territorio. Como delegado fas de nexo de unión entre os alcaldes e as consellerías”.

Un delegado ten que estar atento a todo, como se coordina?
G.A.: “A figura dun delegado e da Delegación é fundamental en canto ao integradora e transversal das diferentes políticas da Xunta. Primeiro, para intermediar entre os intereses dos concellos e as liñas de estratexia das consellerías; e, segundo, que as actuacións das consellerías se vexan implicadas desde o punto de vista das liñas estratéxicas e da liña da comunicación.
Supón un esforzo importante de estar moi desperto, moi hábil; en definitiva, estar moi pendente do día a día e contar cun equipo humano como son tanto os xefes territoriais, a cara visible e brazo executor de cada Consellería, e tamén do equipo de gabinete que me acompaña, xa que formamos unha gran familia.
Imprescindibles son as comisións territoriais de coordinación para que todas esas políticas sexan o máis integrais posibles. Debemos estar atentos aos problemas e detectar proxectos dos diferentes ámbitos e que estes sexan ben encauzados a nivel de Xunta de Galicia e poidan ser dotados de fondos. O que se me transmite desde a Xunta é que hai un máximo compromiso coa provincia de Ourense, polo que estamos alerta para detectar bos proxectos que estean ben estruturados e fundamentados para poder investir neles”.

O goberno autonómico está a desenvolver unha serie de iniciativas pioneiras na provincia, pode comentar algunha delas?
G.A.: “A provincia é eminentemente rural e por aí van parte das políticas. O que non ten sentido é que ese potencial, esa terra que produce uns produtos demandados en todo o mundo e de calidade máxima, que maioritariamente estea abandonada e ocupe titulares por incendios. Iso revertiuse e, despois dun diálogo importante desde a vaga de incendios de 2017, cun consenso da comisión contra incendios do Parlamento de Galicia xorde a Lei de recuperación de terra agraria, que pretende recuperar, con diferentes mecanismos, esas terras e poñelas en valor: un, para xerar actividade económica e emprego duns produtos que son demandados en todo o mundo; e dous, evitando incendios cun banco de probas en Ourense como é o centro de loita integral contra os incendios de Toén ou o aeródromo transfronteirizo que dará unha mellor conectividade na zona de Portugal co norte da Península para atallar canto antes os lumes”.

En políticas de conciliación tamén se apoia ao rural.
G.A.: “É fundamental que teñan servizos como os de conciliación e atención aos maiores. Aquí temos políticas pioneiras en toda España, que causan curiosidade noutras comunidades autonómas, como son as Casas Niño e as Casas do Maior, que maioritariamente implántanse na nosa provincia”.

Isto pon en evidencia aposta da Xunta polo rural.
G.A.: “Estase facendo un cambio normativo ideado en base a un consenso absoluto, fóra das disputas políticas que normalmente hai. Ninguén pode discutir que temos que xerar mecanismos para poñer en valor a terra para que xere actividade económica. Exemplo diso son as aldeas modelo, que tanta atención chaman noutras comunidades autónomas que as veñen a visitar, e que irán dando resultado xunto aos polígonos agroforestais ou mesmo as áreas cortalumes”.

A Xunta vai realizar grandes inversións na nosa provincia, en áreas como a sanitaria.
G.A.: “É unha actuación integral. Vaise realizar unha inversión total de 160 millóns de euros. Unha vez executada a primeira fase, xa contratada a segunda fase -de 52 millóns- e co plan funcional da terceira e cuarta fase (que son o edificio ambulatorio e o edificio administrativo) e logo xa un centro integral de saúde, o Nóvoa Santos, que será o primeiro na provincia. Tamén se construirán novos centros de saúde no Carballiño, A Rúa, Muíños e Boborás. Ademais, estanse analizando todas as infraestruturas sanitarias para melloralas. E estanse a realizar reformas importantes nos hospitais comarcais de Verín e O Barco. Porén, debemos destacar que o máis importante é o capital humano, polo que fanse esforzos importantes reivindicando, incluso, ao Goberno central a importancia de que permita cubrir o total das prazas vacantes a partir da oferta pública de emprego e de plans extraordinarios MIR de formación de médicos”.

E na área educativa?
G.A.: “Nos centros educativos estase a facer un plan integral de necesidades para que sexan centros cunha mellor eficiencia enerxética, e que permitan unha actividade docente compatible con outros usos fóra do horario lectivo, e que esas infraestruturas sexan utilizadas o maior número de horas posible. Ademais, temos como fiel aliado á Deputación de Ourense, que soupo ver a oportunidade da creación do centro de FP, que será referente de toda Galicia en Formación Profesional e en innovación, para mellorar a competitividade das empresas que demandan unha formación moi específica”.

E na área asistencial?
G.A.: “No ámbito social dúas referencias importantes, xa que este ano rematarase o centro para discapacitados (en Ourense capital), e logo tamén, imperará o sentido común, e permitirase a construción da residencia Amancio Ortega, de 12 millóns de euros, nun terreo que hai que dicir que é da Xunta de Galicia ao 100% nos terreos da antiga estación de autobuses. Creo que finalmente habilitarase urbanísticamente e construirase, tal como queren os veciños dos dous barrios -As Termas e O Pino- para desenvolvelo urbanísticamente tanto na atención aos maiores coa residencia como cunha conexión á zona verde do Miño”.

Fala de sentido común, porén non hai acordo. Como ve o tema?
G.A.: “Imos facer o imposible para resolver a máis mínima dúbida que poida haber respecto a este tema”.

A chegada do AVE parece que traerá o pulo do turismo na provincia. Cal é a aposta da Xunta?
G.A.: “O primeiro que se me ven á cabeza é que discorre en paralelo á Vía da Prata; preséntase unha oportunidade histórica para esta vía do Camiño de Santiago, que vai ser o único que conte cunha comunicación ida e volta desde calquera lugar do mundo, ademais de impulsar o termalismo. Un termalismo que desde comezos do 2020 procúrase fomentar a calidade do mesmo a través dunha lei de usos lúdicos procurando uns establecementos termais de maior calidade a través de axudas (dun millón de euros impulsados nos orzamentos de 2022) para melloras destes espazos termais e ás que poden concorrer os concellos.
Tamén quero destacar a forte aposta pola fortaleza do Castelo de Monterrei; dos 22 millóns que recibe a Xunta dos fondos europeos, 14 destínanse a este emprazamento que agora está en fase de estudo para ver o mellor xeito de investir nesta infraestrutura turística”.

O goberno autonómico anunciou que a Xunta contará cun novo edificio administrativo no barrio das Lagoas.
G.A.: “Queremos que sexa unha infraestrutura que se constrúa dentro desta lexislatura, xa que é moi demandada e necesaria para Ourense, que precisa dunha gran delegación territorial como hai noutras provincias. Deste xeito, aglutinaranse e serán máis funcionais os servizos administrativos ao non estar dispersos pola cidade. O lugar elixido foi unha busca de máis de 20 anos, e hai que lembra ao compañeiro falecido, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que fixo posible elexir a mellor opción, ademais de ser unha aposta moi importante por parte do presidente, Núñez Feijoo.
Este ano o que nos vai ocupar será a fase de redación de proxectos e licitación; e no 2023 e 2024 será a de execución dunha obra cunha achega de 8,5 millóns”.

Haberá máis melloras.
G.A.: “Tamén faremos melloras en lugares como a Casa grande de Viloira, no Barco, ou en oficinas agrarias comarcais que pretendemos impulsar para o que faremos reformas estruturais e integrais, ademais de optimizar o seu funcionamento na atención e promover proxectos agrarios, gandeiros e forestais que contribuirían á dinamización de terras. Desde estas oficinas daremos o mellor asesoramento posible a través de axudas, subvencións ou asesoramento legal aos veciños de toda a provincia. Para isto, é importante a colaboración cos concellos e aí temos unha relación institucional extraordinaria con todos eles”.

A Xunta abre este mes o prazo de solicitudes para acceder ás axudas do plan Renove Automoción. En que consiste o plan?
G.A.: “Cumpre unha dobre función. Por unha banda, a renovación do parque móbil contribuindo á mellora na eficiencia enerxética, con axudas de entre 3.000 e 4.700 euros en función das características da familia; e por outra banda, supón un claro apoio ao sector da automoción”.

Atopámonos en plena sexta onda da pandemia, que mensaxe trasladaría á cidadanía?
G.A.: “Hai que mentalizarse de que o virus pode estar en calquera lugar, polo que animo á vacinación a todo aquel que aínda non o fixo, á utilización da máscara en todos os ámbitos de interacción e a máxima precaución e maior distanzamento posible, pero ten que ir da man da recuperación dunha actividade social, laboral e económica necesaria e imprescindible tanto desde o punto de vista económico como anímico.
Ademais da vacina e das máscaras son importantes os cribados e desde a Xunta faise unha campaña masiva por toda a provincia, ademais do que temos na estación de tren de Ourense para os pasaxeiros que recalen na mesma. Non podo esquecerme e agradecer o esforzo sobrehumano dos sanitarios”.

Non fai nin dous anos dimitiu como alcalde, foi nomeado delegado da Xunta e agora comeza a soar para outros cometidos. Que pensa de que estea o seu nome nalgunha quiniela?
G.A.: “Primeiro descoñezo que estea nas quinielas. Pero sinceiramente, para min o máis importante é a aspiración do día a día alí onde estea. En relación a calquera responsabilidade que me corresponda en calquera momento, non teño máis aspiración que procurar facer o mellor posible o meu traballo. A partir de aí, que se recoñeza o teu traballo, en primeiro lugar como concelleiro de Cenlle, en segundo como alcalde de Cenlle, en terceiro como deputado autonómico e agora como delegado en Ourense para min é unha satisfacción enorme”.

SOURCE: Entrevista ao delegado da Xunta en Ourense