A banda británica actuará o 26 de agosto en Galicia.

As bandas galegas de indie pop-rock Moito! e Habitación Vudú abrirán o concerto de Placebo en Ourense este verán. A mítica troupe británica de rock alternativo actuará na capital ourensá o 26 de agosto, no marco da programación musical do Xacobeo 21-22. A cita, que terá lugar en Expourense, será a única parada que a banda de culto británico faga este verán en territorio galego no marco da súa xira internacional Never Let Me Go.

O directo de Placebo en Ourense, un dos eventos de referencia dos www.concertosdoxacobeo.gal, comezará ás 22.30 horas, mais apertura de portas en Expourense o 26 de agosto terá lugar ás 20.00 horas. Así, a partir das 20.30, sucederanse os directos das bandas galegas. A primeira que subirá ao escenario será Moito!, nunha sesión na que o grupo indie da Pobra do Caramiñal dará a coñecer os avances do seu álbum debut que se publicará este mesmo ano. A continuación, chegará a sonoridade rock dos ourensáns Habitación Vudú, que presentarán algúns dos temas dos seus EP Flores Falsas e En el aire.

As entradas para o evento en Ourense (a única cita que a banda ofreza este verán en España fóra dun festival, xa que as outras dúas serán marco do Mad Cool e BBK Live) están dispoñibles na plataforma web www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión.

Ademais, a organización do concerto (as promotoras Thinking Up Events e Escena Sonora) pon a disposicición do público un paquete turístico exclusivo para fans de Placebo baixo o nome Rock & Relax, que inclúe, ademais da entrada ao evento, o aloxamento no Hotel Balneario de Laias, o transporte en tren de ida e volta desde Madrid ou os traslados para gozar de excursións singulares a dúas das xoias patrimoniais e vitivinícolas da rexión: Ribeira Sacra e O Ribeiro. Este paquete, posto en marcha coa colaboración de Offitravel, ten como finalidade favorecer o tránsito de seguidores da banda desde Madrid á vez que se ofrece a posibilidade de coñecer de primeira man espectaculares localizacións como o mosteiro de Santo Estevo ou mesmo os cañóns do Sil mediante unha viaxe en catamarán.

SOURCE: Concerto Placebo en Ourense